Morre un motorista da Garda Civil nun accidente en Catoira

Foi mobilizado un helicóptero medicalizado.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 10/08/2021 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

Un motorista da Garda Civil faleceu na mañá deste martes nun accidente de tráfico rexistrado no termo municipal de Catoira, confirmaron fontes deste corpo.

Unha moto da Garda Civil nun accidente
Unha moto da Garda Civil nun accidente | Fonte: GARDA CIVIL

Segundo informaron fontes do 112 a Europa Press, este sinistro tivo lugar no quilómetro 4 da estrada EP-8001 ao seu paso pola zona de Dimo, en Catoira.

O 112 recibiu o aviso da Garda Civil e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 deste accidente. Debido a este sinistro, foi mobilizado o helicóptero medicalizado con base en Santiago, pero só puideron confirmar o falecemento no lugar.

Ademais, interviñeron neste accidente efectivos do GES de Padrón e da Agrupación de Voluntarios de Catoira.


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba, trasladaron este martes, a través de redes sociais, o pésame aos familiares do garda civil falecido.

"Quero trasladar noso pésame á familia do motorista da Garda Civil falecido nun accidente de tráfico na provincia de Pontevedra cando acudía a un sinistro", sinalou Miñones en redes sociais.

Así mesmo, o delegado do Goberno trasladou "ánimo" de parte da Delegación do Goberno ao corpo da Garda Civil e aos compañeiros do axente falecido.

"O meu pesar e as miñas condolencias á familia do garda que hoxe faleceu en Catoira nun accidente de tráfico", indicou pola súa banda Maica Larriba en redes sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta