Por E.P. | Ourense | 10/08/2021 | Actualizada ás 17:44
O Partido Socialista de Ourense solicitou ao presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, que "poña en práctica a transparencia que tanto predica" e faga entrega da copia do borrador dos orzamentos da institución para o exercicio de 2022, que actualmente se atopa en elaboración.
Os socialistas aseguran que queren dar traslado do documento a alcaldes e alcaldesas dos concellos para "evitar unha nova repartición decimonónica e ditatorial do diñeiro público".
Criticaron que, neses orzamentos, "é norma da casa" que só se beneficie "a amigos e amigas do presidente" e asegura que lle van "a pór freo".
"Ten que haber un sistema obxectivo, que respecte as diferenzas e particularidades entre concellos asignando o diñeiro segundo as necesidades e non segundo caprichos persoais", criticaron os socialistas, que consideran que a provincia "segue instalada na ditadura económica do cacicato do PP".
Neste sentido, os socialistas esixen que "se poña fin ao uso do diñeiro público como ferramenta política".
"POSTOS A DEDO"
Por outra banda, o PSOE denunciou que Manuel Baltar "está a pagar os poucos favores que lle permiten manter pola mínima a Deputación" e acusouno de nomear como asesor, por decreto, na Deputación de Ourense ao candidato de Ciudadanos en Maceda, Emiliano Rodríguez.
Os socialistas criticaron que Rodriguez abandonou o partido hai algúns meses xunto a outros cargos doutros concellos galegos entre eles Montse Lama, a ex deputada de Cs en Ourense.
"Estamos ante unha nova e palmaria evidencia de que Baltar está a pagar os poucos favores que lle permiten manter pola mínima a Deputación grazas ao voto dunha deputada provincial tránsfuga", censuraron os socialistas en referencia a Montserrat Lama.
Así, acusaron a Baltar de "repartir" "postos a dedo" a cambio de "favores orgánicos e electorais" facendo fincapé en que o pasado 1 de agosto nomeou asesor por decreto a Emiliano Rodríguez, "a situación do PP ourensán é tan crítica que xa non lle chegan enchufes masivos entre afiliados do Partido e pescan favores noutras formacións", considera o PSOE.
Ademais, destacan que, nos últimos meses, Manuel Baltar "está especialmente nervioso porque lle baila a cadeira". "Perde 17 votos cada día. Se o desastre continúa, el mesmo será o enterrador do baltarismo", concluíron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.