PSOE e BNG lamentan o "abandono" das instalacións termais de Ourense

Cren que a imaxe que levan os turistas é "lamentable".

Por E.P. | Ourense | 10/08/2021 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O BNG de Ourense lamenta que os visitantes que acoden á cidade das Burgas atopen pechadas as zonas termais e as instalacións abandonadas. Respecto diso, tamén o PSOE municipal lamenta unha "imaxe" que cualifican de "desastrosa e vergoñosa".

Piscina Termal As Burgas, Ourense
Piscina Termal As Burgas, Ourense | Fonte: Farrangallo - Wikipedia.

Así, o Bloque Nacionalista Galego reclama "actuacións urxentes" que permitan mellorar a imaxe que ofrecen as instalacións termais e censura que "a pandemia non pode abarcalo todo", á vez que critica que "a imaxe que levan os turistas que acoden a visitar Ourense é lamentable".

"Pozas pechadas, instalacións en estado de abandono e os camiños cheos de maleza", criticaron os nacionalistas, que ademais acusan a concelleira responsable da área de termalismo de "irse de vacacións sen ter resolta a reapertura das instalacións".

"En materia de turismo e termalismo, a asunción de competencias por parte dos populares no canto de ser un impulso está a ser a continuidade do abandono", criticou o portavoz do grupo, Luís Seara.

A opinión do BNG coincide coa do Partido Socialista que acusou ao PP e ao rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome, de demostrar "unha total pasividade e unha nula planificación" en canto á área de termalismo.

"O declive do conxunto termal comezou coa chegada dos populares ao goberno hai máis de seis anos", expuxeron por parte do PSOE para apostilar que "o PP abandonou o termalismo e Jácome deulle carpetazo definitivo aproveitando o cambio normativo da Xunta de Galicia".

Os socialistas resolveron que "o Concello camiña cara ao abismo termal e os turistas reciben unha imaxe desastrosa e vergoñosa coa que quedan atónitos".

Así mesmo, o PSOE esixiu a "reapertura inmediata" do Centro de Interpretación das Burgas, un espazo para a divulgación do patrimonio arqueolóxico-termal de Ourense que, denuncian os socialistas, "está á deriva".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta