Entra en vigor a modificación orzamentaria de 62 millóns do goberno local de Ourense con críticas da oposición

O PSOE ourensán acusou ao rexedor municipal de "instaurar unha ditadura" que "amordaza ao pleno" para sacar adiante o que tachan de "orzamento en B".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2021 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia

A modificación de orzamentos do Concello de Ourense por un importe superior aos 62 millóns de euros, que propuxera o actual rexedor, Gonzalo Pérez Jacome, entrará en vigor este xoves tras a súa publicación este mércores no Boletín Oficial da Provincia. O proxecto de modificación orzamentaria foi presentado polo alcalde no Pleno do Concello do 9 de xuño. Saíu rexeitado polo que a alcaldía formulou a cuestión de confianza, ante o pleno, vinculada á aprobación dos orzamentos.

Con cinco votos a favor, 14 en contra e sete abstencións rexeitouse a cuestión de confianza e abriuse o prazo para a presentación da moción de censura cun candidato alternativo para a Alcaldía. O prazo finalizou e queda aprobada a modificación orzamentaria que tiña como trámite necesario para ser efectiva a súa publicación no BOP.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, destacou que a modificación busca devolver á poboación un remanente de tesouraría que "estaba parado no banco onde non pintaba nada", posto que "o que ten sentido é destinar o diñeiro público a facer obras e dar servizos á cidadanía".

Deste xeito, a finalidade principal é destinar os recursos a infraestruturas e servizos tales como os proxectos de mobilidade vertical---as escaleiras mecánicas--- con 10 millóns de euros ou a renovación da frota de autobuses urbanos, con 14 millóns de euros. Sendo os proxectos con maior investimento, pero tamén outros como as reformas de parques infantís e os convenios con entidades sociais. "Nuns meses a poboación notará que ese diñeiro, que estivo no banco, pasa a estar na cidade", apuntou Jácome.

RESPOSTA DA OPOSICIÓN

O BNG municipal compareceu ante os medios para criticar a aprobación da modificación orzamentaria. O portavoz do grupo, Luís Seara, lamentou que se aprobe "unha macromodificación en lote" que "contén contías e proxectos de dubidosa viabilidade", que "non responden a unha urxente necesidade" e que, ademais, "dilapida boa parte do remanente".

Deste xeito, a formación nacionalista criticou a "falta de altura de miras" ao non manter "nin diálogo nin negociación" respecto da modificación. Ademais, manifestou que solicitaron "todos" os informes que xustifiquen e avalen o procedemento seguido porque, entenden, "están a furtarse competencias propias do pleno".

Así mesmo criticaron "o silencio" do Partido Popular a quen acusaron de estar "absolutamente entregado e sumiso ás estratexias e actitudes de Jácome". Para os nacionalistas "aprobouse con aleivosía" e "en pleno mes de agosto".

"AMORDAZAR O PLENO"

Pola súa banda, o PSOE ourensán acusou ao rexedor municipal de "instaurar unha ditadura" que "amordaza ao pleno" para sacar adiante o que tachan de "orzamento en B". "Os ditadores ditan leis sen Parlamento e Jácome aproba presupostos sen pleno", resolveron os socialistas antes de reiterar que non están de acordo con "gran parte do contido da modificación" por tratarse "en lote, sen participación dos grupos da oposición".

"Rexeitamos a política totalitaria e contraproducente do bigobierno", censuraron. Ademais, apostilaron que "están á espera" de recibir os informes que "avalan que o Concello ten legalmente atribuída a competencia para resolver as alegacións presentadas e aprobar definitivamente a modificación vinculada á cuestión de confianza".

Fachada do Concello de Ourense. EUROPA PRESS - Arquivo
Fachada do Concello de Ourense. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta