O Centro de Saúde de Sanxenxo "desbordado": ausencia do 50% dos médicos e sen enfermeiras pediatras

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública denuncia o risco que supón para os usuarios a retirada progresiva de persoal sanitario.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2021 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo denuncia a falta de persoal no Centro de Saúde e PAC de Baltar xa que esta semana comezaba coa ausencia do 50% de médicos e sen enfermeiras de pediatría, xa que as dúas enfermeras ausentes non foron substituídas. Comentan que a enfermeira de reforzo e a médico se encontran "desbordadas", debido ao aumento substancial da poboación flotante do concello. 

Centro de Saúde de Baltar, Sanxenxo - La Voz de Galicia
Centro de Saúde de Baltar, Sanxenxo - La Voz de Galicia

"Se xa comezabamos o verán cun déficit de persoal agora, en pleno mes de agosto, a situación complícase a pasos axigantados", indica a organización nun comunicado. E é que, ao non dispor de dúas enfermeiras, o resto de persoal de enfermaría "tenta suplir a carencia" pero recalca que teñen que botar man da única enfermeira "de reforzo" que teñen no PAC. "O traballo a realizar polo precario número de persoal do centro de saúde e PAC é desmesurable dado que se ven na obriga de facer auténticos malabares para poder cubrir a carencia de todo o persoal que falta", di a plataforma.

A organización denuncia a falta de interese e de preocupación por parte da Consellería de Sanidade. "Preguntámosnos se realmente é consciente do gran estrés que está sufrindo o persoal sanitario ou do risco ao que somete aos usuarios coa retirada de persoal". Tamén sinala que esta situación se agrava co progresivo cansancio dos traballadores. "Tanto o persoal como os pacientes somos persoas, non números. Na sanidade pública a calidade e a vida das persoas é o prioritario", finaliza a plataforma. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta