Ecoloxistas en Acción: "ENCE xamáis debeu estar en Lourizán"

A organización sinala como únicas responsables do "tempo perdido na procura de alternativas ás persoas empregadas" a ENCE e á Xunta de Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2021 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

Ecoloxistas en Acción vén de emitir un comunicado de rexeitamento do acoso de ENCE á cidadanía de Pontevedra. Nel sinalan que a "violencia e agresividade" mostrada polos traballadores de ENCE no boicot do pregón das festas da Peregrina foi un "acto meticulosamente programado", onde "cada cal tivo a súa tarefa e o seu papel na utilización de artefactos explosivos e botes de fume". "Nese reparto de papeis", denuncian, tamén estaban concelleiros do Partido Popular que "consentiron e apoiaron" os feitos cando "mudaron a chaqueta polo chaleco pro-ENCE en dito acto".

Traballadores de Ence protestan durante o acto da lectura do pregón das Festas da Peregrina, en Pontevedra
Traballadores de Ence protestan durante o acto da lectura do pregón das Festas da Peregrina, en Pontevedra | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press.

A organización ecoloxista considera que "a lexítima defensa dos dereitos laborais é incompatible coa defensa dos privilexios empresariais e os intereses espurios de ENCE en Lourizán, incluída a supeditación da política forestal galega ás necesidades de eucaliptización de ENCE".

Ante a "constante contaminación" desta fábrica e ante a violencia vivida no pasado pregón das festas, Ecoloxistas en Acción apela ás forzas sindicais para que "xurdan formulacións que neutralicen estes actos contra a cidadanía de Pontevedra e bisbarra", no proceso de cumprimento da sentencia xudicial que garanta o cumprimento da lei e a saída da “tano-fábrica” de ENCE de Lourizán, onde, manifestan, "xamais debeu estar".  Así mesmo, a organización sinala como únicas responsables do "tempo perdido na procura de alternativas ás persoas empregadas" a ENCE e á Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta