Acusacións de selección a dedo fan que os axentes de investigación de incendios reivindiquen a súa "traxectoria"

"A investigación está baseada no método científico das evidencias físicas. Aquí a formación empezou na década dos 90 e agora nós impartímola aos demais compañeiros" defende o coordinador desta unidade, Carlos Magariños.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2021 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Os axentes ambientais que se dedicarán en exclusiva á investigación da orixe dos incendios forestais reivindican a súa "longa traxectoria" e "experiencia", despois de que os sindicatos CC.OO. e CIG lanzasen acusacións á Consellería de Medio Rural de selección a dedo para a conformación desta nova unidade especializada na loita contra o lume.

Trátase de 15 membros da escala de axentes ambientais que foron desvinculados das tarefas de extinción. Son "coñecedores" do 'modus operandi' dos incendiarios e das zonas que cada ano rexistran unha maior actividade incendiaria, segundo defende o coordinador desta nova unidade, Carlos Magariños.

"A investigación está baseada no método científico das evidencias físicas. Aquí a formación empezou na década dos 90 e agora nós impartímola aos demais compañeiros", explica. Outro dos 15 integrantes da UIFO, a unidade de investigación de incendios forestais, asegura a Europa Press que "se elixiu aos axentes de máis experiencia, entre os poucos que se presentaron".

Precisamente o escaso tempo que a Administración autonómica deu para que os candidatos presentasen documentación para optar a este posto é unha das críticas dos sindicatos, que falan de "tres días naturais, en pleno mes de agosto". Debido a isto e á falta de baremo, entre outras cuestións, censuran un proceso "exprés" que piden rectificar ou estudan acudir á xustiza.

"Nós non nos imos a meter en guerras sindicais. Dedicámonos ao noso traballo... Todos os comezos son difíciles", responde o coordinador da UIFO Carlos Magariños. Ademais de tratar de determinar o inicio dos incendios, o seu obxectivo tamén será disuasorio, coa súa presenza sobre o terreo para tratar de "pillar in fraganti" aos incendiarios.

Dar coa orixe é "difícil pero non imposible", apunta Magariños, xa que "a materia non se destrúe, senón que se transforma" e así "poden quedar impresións dixitais ou doutro tipo, o rastro das rodas dun coche... e outros detalles" que son os que estes profesionais examinan para establecer a causa dos lumes.

En realidade, esta nova unidade vén profundar nas brigadas de investigación de incendios forestais (BIFF), en liña cunha das conclusións da comisión parlamentaria creada tras a vaga de lumes de 2017.

De feito, na súa comparecencia no Parlamento por mor desa onda de incendios, o 7 de novembro dese ano, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa avanzou a creación de "equipos forestais de investigación", para "ampliar e permitir especializar" o traballo que ata agora realizaban as brigadas de investigación de incendios forestais.

"Haberá un mínimo de tres axentes dos equipos forestais de investigación en cada un dos 19 distritos forestais de Galicia, é dicir, un mínimo de 57 axentes", sinalou ese día o Goberno galego nun comunicado de prensa.

EQUIPOS DE VIXILANCIA

Xunto a este compromiso, Núñez Feijóo anunciou entón o dos equipos de vixilancia de incumprimento para velar por que se cumpran as medidas incluídas na normativa forestal e de defensa contra incendios.

O técnico forestal de Seaga Alejandro García é un dos compoñentes destes equipos. Esta empresa pública ten en total a 45 traballadores supervisando o estado da vexetación nas denominadas franxas de seguridade en Galicia: eran 15 na primeira quincena de xuño, aos que se uniron outros 30 de reforzo.

Alejandro García apunta ao incremento das peticións estes días por parte de concellos, que son os que lles trasladan a súa solicitude ao amparo do convenio asinado entre a Xunta, a Fegamp e Seaga para o control da biomasa.

Recibido este requirimento, os técnicos de Seaga analizan os datos e saen sobre o terreo, dotados dunha aplicación na que xa están rexistradas as parcelas e as franxas cuxo estado van investigar. Se están ben xestionadas, indican se é a través dun uso agrícola ou gandeiro e, en caso de comprobar algún incumprimento tamén o anotan, especificando cal é a especie detectada coa que se incumpre a normativa: presenza de piñeiros, eucaliptos, acacias ou matogueira.

A continuación, esta ferramenta informática permítelles indicar unha tarifa estimada que sería o custo de limpar a leira por parte de Seaga. Unha vez feito isto, é o consistorio o que notifica ao propietario a situación e o prazo de 15 días para limpar. Se non o fai, o concello debe executar esa tarefa de maneira subsidiaria ou pedir a colaboración de Seaga.

"Ao vernos no campo, os propietarios vanse dando conta de que hai que manter as franxas limpas", destaca Alejandro García, quen, con todo, advirte que en zonas da comunidade de máis minifundio e abandono aínda se dan situacións nas que "o monte chega ás casas", co consecuente risco no caso de incendio.

Zona queimada polo incendio de Cualedro e Monterrei (Ourense) que segue sen control. Rosa Veiga - Europa Press
Zona queimada polo incendio de Cualedro e Monterrei (Ourense) que segue sen control. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta