Denuncian que a Xunta "agocha información" sobre as drenaxes ácidas en Touro

Ecoloxistas en Acción leva ante a Valedora do Pobo estes feitos que considera "gravísimos" ao causar "total indefensión" na veciñanza e nas organizacións ecoloxistas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/08/2021 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

Caen unha vez máis sobre a Xunta de Galicia acusacións de falta de transparencia e ocultación de información. Desta volta, é a organización Ecoloxistas en Acción a que vén de denunciar ante a Valedora do Pobo o que considera unha "ocultación e denegación continuada de acceso á información e unha falta deliberada de transparencia" por parte da administración logo de solicitar acceso aos procedementos e expedientes relacionados coa drenaxe ácida ás augas dos ríos da contorna da miña de Touro.

Imaxe dunha protesta da veciñanza de Touro contra a minaría
Imaxe dunha protesta da veciñanza de Touro contra a minaría | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Ecoloxistas en Acción valora estes feitos como "gravísimos" ao causar "total indefensión nas persoas" e ao "vulnerar o dereito fundamental da defensa do medio ambiente". A organización remítese ao ano 2018, momento no que, froito das múltiples denuncias da veciñanza de Touro, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña realiza unha inspección na que constata as "continuadas" verteduras de drenaxe ácida ás augas dos ríos da contorna da mina por parte da empresa Explotaciones Gallegas S.L.. 

"Isto sucede", lembra a organización, "en pleno proceso de tramitación dun expediente de reapertura dunha explotación mineira a ceo aberto nos mesmos terreos de onde proceden as verteduras, sen que se tivera realizado previamente un plan de restauración medioambiental de ditos terreos". Nese momento, a Xefatura Territorial de Minas, "lonxe de abrir un expediente sancionador", solicita á empresa un proxecto definitivo de drenaxe das augas ácidas de mina. Porén, a Xefatura Territorial acepta e valida posteriormente un “proxecto temporal de 6 meses” que "carece de documento ambiental e da preceptiva exposición pública para garantir a participación da cidadanía", di Ecoloxistas en Acción.

Posteriormente, a empresa vese na obriga de dar traslado do proxecto de drenaxe temporal a Augas de Galicia, que tamén o aproba "sen iniciar ningún proceso sancionador ante a constatación de verteduras" de drenaxe ácida de mina realizada na inspección, sempre segundo indica Ecoloxistas en Acción. No medio de todo este proceso ten lugar a  declaración de impacto ambiental negativa ao proxecto de reapertura da explotación mineira nos mesmos terreos de donde proveñen as verteduras.

"A pesar disto e sen que se leve a cabo ningún tipo de seguimento do proxecto de drenaxe temporal aprobado en outubro de 2020, a administración galega abre un novo expediente aceptando a presentación dun novo proxecto de drenaxe en xullo de 2021 por parte da empresa denunciada", explica a organización, que denuncia entón que "transcurridos tres anos daquela inspección, "segue sen pecharse un procedemento sancionador contra a empresa investigada, Explotaciones Gallegas S.L." e seguen permitíndolle realizar as drenaxes ácidas.

Ante esta situación a organización ecoloxista solicitou "acceso a todos os procedementos e expedientes relacionados", pero, segundo indica, ningunha das administracións implicadas facilitou documento ningún. "Semella que tanto Augas de Galicia como a Xefatura Territorial de Mina da Coruña queren gañar tempo en favor da mercantil e están conculcando o dereito de acceso á información ambiental das asociacións ecoloxistas dándolle aire á empresa e as súas socias para a presentación dun novo proxecto mineiro nos terreos".

Fronte á denegación do dereito da organización á documentación e información requerida (atendendo á Lei á lei 27/2006), Ecoloxistas en Acción denuncia estes feitos ante a Valedora do Pobo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta