Os parques eólicos proxectados en Pontevedra baten cunha veciñanza "unida e organizada"

En Castrove veñen de reunir un total de 500 alegacións e en Cerdedo-Cotobade, Salvaterra e As Neves inician a recollida de documentos en contra dos proxectos enerxéticos anunciados, que indican, presentan "graves deficiencias" nos seus informes iniciais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A provincia de Pontevedra mobilízase contra os parques eólicos que están proxectados ao longo dos seus montes a través de potentes campañas de alegacións para presentar ante a Xunta de Galicia. “A resposta da veciñanza está a ser enorme, a xente está demostrando que sabe unirse e organizarse cando hai un problema que nos afecta a todos", indican dende a plataforma cidadá 'Non ao parque eólico de Castrove', que entregará este mesmo mércores, 18 de agosto, máis de 500 alegacións ante o edificio administrativo da Xunta en Pontevedra.

Asamblea veciñal organizada pola plataforma 'Non ao parque eólico no Monte Castrove '
Asamblea veciñal organizada pola plataforma 'Non ao parque eólico no Monte Castrove ' | Fonte: remitida

Estes documentos érguense como a maior ferramenta da veciñanza ante unha "avalancha de proxectos que pretenden inzar de muíños os nosos montes de xeito indiscriminado", asegura pola súa banda a Federación Ecoloxista Galega, que participa nas alegacións aos proxectos eólicos Rula e Coto dos Lobos. Segundo indica nun comunicado, o primeiro deles está situado no concello de Cerdedo-Cotogade, mais a súa estrutura de evacuación tamén afectaría o concello de Ponte Caldelas. 

Trátase dun parque de 55MW promovido pola empresa Green Capital que impactaría nunha zona de "altísimo valor ambiental", a cabalo entre a Serra do Suído e a zona de especial conservación do río Lérez, unha área na que se atopan numerosos hábitats catalogados como

prioritarios e de interese comunitario. Ademais do "evidente impacto negativo" que a

instalacións das torres e construción de pistas e liñas de evacuación asociadas supoñería

sobre o ecosistema, a Federación Ecoloxista Galega destaca tamén "o inmenso patrimonio cultural da zona, con numerosos petróglifos e castros, todos eles catalogados como Bens de Interese Cultural (BIC)".

 

O segundo proxecto, Coto dos Lobos, sitúase nos concellos de Salvaterra do Miño e As Neves, de novo, "nunha área de gran valor paisaxístico" na que mesmo se sitúa un miradoiro para observar a panorámica que ofrece. Dende a Federación sinalan que ademais de tratarse dunha zona afectada polos incendios (de acordo coa lei de montes non pode cambiar de uso), a instalación dos aeroxeradores afectaría ecosistemas, formacións vexetais protexidas e elementos patrimoniais como a Capela de San Nomedio ou diversos petróglifos.

 

"GRAVES DEFICIENCIAS" NOS DOCUMENTOS DAS EÓLICAS

 

A Federación Ecoloxista Galega pon o foco na "habitual presenza de fallos" nos documentos iniciais presentados polas empresas impulsoras dos proxectos. "Vemos erros na metodoloxía,  vulneración da lexislación vixente en materia de conservación. medioambiental, ausencia de avaliación do impacto nos recursos hídricos dos núcleos de poboación próximos, así como, nalgúns casos, o uso da práctica fraudulenta da. fragmentación artificiosa dos parques eólicos". 

A organización achaca estas "graves deficiencias" ás "presas e avidez pola captación de fondos". "Estes estudos ambientais fuxen de analizar os procesos de degradación reais que provoca un Parque Eólico, pero tampouco teñen en conta que esta degradación resultaría sinérxica coa que provoquen parques próximos", asegura a Federación, que prosegue: "Tendo en conta a elevada densidade de proxectos que se están tramitando, se todos eles chegasen a construírse, a destrución ambiental e económica que provocarían sería de grandes dimensións".

Nestes documentos ante os que se presentan alegacións "en ningún caso se xustifica a neccesidade da enerxía que vai causar ese impacto", engade a organización. "Se temos en conta que a enerxía que se producirá só con parte destes proxectos satisfaría a necesidade de electricidade de Galicia e se tería que exportar a sobrante, parece evidente que non é a necesidade de producir electricidade de fonte eólica a que está animando a elaboración destes destrutivos proxectos", sentenza.

MÁIS DE 500 ALEGACIÓNS CONTRA O PARQUE DE CASTROVE

Pola súa banda, a veciñanza do Monte Castrove, situado entre os municipios de Barro, Meis, Pontevedra e Poio, veñen de reunir un total de 500 alegacións contra o parque que se proxecta sobre o lugar. "Non queremos non poder durmir co ruído, non queremos quedar sen auga, non queremos perder a nosa paisaxe. Temos que ter moito aguante", asegura a plataforma nun comunicado remitido aos medios, que cualifica de "indignante" a "especulación capitalista" da enerxía. 

A veciñanza destes concellos "defenden o seu dereito á información" ante un proxecto que, aseguran, "non é transparente, non conta cos habitantes nin respecta o seu modo de vida". O plan de acción da plataforma nesta fase da publicación do primeiro informe de impacto

ambiental da empresa Cadaval e Ventoso S.L. é "comezar a facer ruído" e informar a poboación. "Non imos parar ata que a Xunta paralice este proxecto, é inviable”, alertan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta