USC e Xunta colaboran para mellorar a produción de semente de moluscos bivalvos en criadeiro

Rosa Quintana destacou a importancia de sumar sinerxías co obxectivo de optimizar a repoboación dos bancos marisqueiros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2021 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta colaboran para mellorar a produción de semente de moluscos bivalvos en criadeiro dedicada a repoboar os bancos marisqueiros do territorio. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este mércores as instalacións do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Ribadeo xunto ao profesor e membro do grupo de investigación de Patoloxía na Acuicultura da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Luís Barja.

O obxectivo da visita é coñecer o traballo realizado no centro no marco da colaboración entre ambas as institucións para mellorar a produción de semente de moluscos bivalvos en criadeiros. Neste sentido, Quintana destacou a importancia de sumar sinerxías co obxectivo de optimizar a produción de semente e a repoboación dos bancos marisqueiros.

Precisamente, referiuse á última colaboración entre Mar e a USC a través dun convenio (asinado a comezos de mes) destinado a minimizar o impacto das patoloxías bacterianas en criadeiros de moluscos bivalvos. Así mesmo, o convenio busca impulsar a produción de semente nestas instalacións e avanzar na posta a punto de procedementos microbiolóxicos de manexo en criadeiro.

O protocolo acordado entre as partes, que conta cun orzamento de máis de 162.000 euros e vixencia ata finais de 2023, tamén pretende racionalizar o seguimento das actuacións microbiolóxicas nos cultivos de moluscos bivalvos nas distintas instalacións da Consellería. Rosa Quintana subliñou que este traballo conxunto se centrará no binomio fitoplancto-larvas como eixo principal para o control microbiolóxico do criadeiro de bivalvos e na dinámica dos patóxenos bacterianos.

A CONSELLEIRA DO MAR, ROSA QUINTANA.. XUNTA
A CONSELLEIRA DO MAR, ROSA QUINTANA.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta