Temas: FRASEOLOXíA

“Máis chulo cá pana # cá pana raiada # cá pana amarela”, equivalentes, entre outras, á locución castelá “más chulo que un ocho”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 22/08/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para expresarmos que unha persoa amosa ou actúa con moita chulería, no sentido de xactancia, arrogancia, presunción, fachenda ou calidades semellantes, en castelán é bastante habitual botar man da locución fraseolóxica comparativa más chulo que un ocho. (que parece ser que ten a súa orixe no tranvía número 8 que a finais do século XIX levaba, sobre todo na festividade de Santo Isidro e noutras da capital, os típicos castizos e chulapos, todos engalanados e ben portados).

Roberto Vilar en Land Rober
Roberto Vilar en Land Rober | Fonte: TVG.

En galego contamos tamén coas nosas propias locucións comparativas, como imos ver deseguido:

Más chulo que un ocho

{= Moi chulo, no senso de farruco, rufo, altivo, xactancioso, arrogante, presuntuoso, fachendoso, pagado de si mesmo ou semellante, e mesmo tamén de campante, despreocupado ou satisfeito de si mesmo.}

Máis chulo cá pana

Máis chulo cá pana raiada

Máis chulo cá pana amarela

Ex.: El tío, más chulo que un ocho, va y le dice dice al camarero que eso de que por la covid cerrasen a la una y lo echasen de la terraza atentaba contra su libertad. ¡Gilipollas!

O tío, máis chulo cá pana cá pana raiada cá pana amarela, vai e dille ó camareiro que iso de que por mor da covid pechasen á unha e o chimpasen da terraza atentaba contra a súa liberdade. ¡Toutizo!

Ex.: Se paseaba, más chula que un ocho, con su cabriolé y sus guardaespaldas por las zonas más concurridas de la ciudad.

Paseaba, máis chula cá pana cá pana raiada cá pana amarela, co seu cabriolé e escoltas polas zonas máis concorridas da cidade.

● Tamén, a xeito de comparanzas tipo que se usan con moitos outros adxectivos:

Máis chulo ca para que # ca pouco # ca Deus # cá virxe # cós santos # ca María santísima

● E inda:

Máis chulo cá peseta && Máis foncho ca un gaiteiro # ca un crego na misa (cantando o credo) # ca un emperador no (seu) trono # ca unha pedra

NOTA:

As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Domínguez Rial, Evaristo: “Fraseoloxía e paremioloxía de Bergantiños (Cabana de Bergantiños, Carballo e Coristanco”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 13, 2011, páxs. 301-404. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Santamarina, Antón (dir.) & Ernesto González Seoane & María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta