Os adolescentes galegos de 14 a 16 anos comezarán a ser citados por mensaxe a semana que vén para vacinarse

A preguntas dos medios, o conselleiro de Sanidade tamén indicou que confía empezar co grupo de 12 a 14 anos "en breve".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/08/2021 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezará a vacinar os mozos de entre 14 e 16 anos a próxima semana, segundo confirmou o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña este mércores na rolda de prensa posterior á reunión do comité clínico. Comesaña cualificou o inicio da vacinación nesta franxa como "un paso fundamental" de cara a setembro e ao comezo do curso escolar.

Mozos esperan na Cidade da Cultura o día de arranque da vacinación másiva a menores de 20 anos / Europa Press. / Europa Press
Mozos esperan na Cidade da Cultura o día de arranque da vacinación másiva a menores de 20 anos / Europa Press. / Europa Press

"Preocúpanos enormemente a volta aos colexios e queremos ter canto antes os maiores de 12 anos vacinados", apuntou o conselleiro que, con todo, e respecto da posibilidade de baixar a idade de vacinación dos 14 anos, o titular de Sanidade asegurou que "en canto haxa vacinas, farase".

Respecto da petición que o Ministerio de Sanidade realizaría no consello interterritorial ás Comunidades autónomas para que eliminasen as citas previas e, desta maneira, "apurasen" a vacinación, Comesaña xustificou a non implementación deste sistema en Galicia porque "non se dan ocos nin coas citas por sms nin coas autocitas".

"Entendo que noutras comunidades nas que teñen ocos na vacinación, se faga, pero aquí, afortunadamente non ocorre, polo que de momento parécenos moito máis programable unha campaña na que sabemos quen están citados e van vir, que unha campaña na que non o sabemos", sinalou o conselleiro.

POLÉMICA POLA VACINACIÓN DE DESPRAZADOS

Por outra banda, en canto á polémica sobre a finalización do proceso de vacinación en diferentes comunidades, Comesaña recalcou que as persoas que se trasladan a Galicia, "tras realizar os trámites necesarios" -como a documentación de desprazado--, "pasan a formar parte do sistema sanitario galego e vacínaselles como tal, como se lles atende por outros motivos".

"Outra cousa -apuntou--, é que se chegan hoxe, pretendan vacinarse o propio día ou mañá, por exemplo, sen facer os procedementos previos", insistiu o conselleiro.

E é que algunhas persoas, desprazadas a Galicia por motivos laborais, atopáronse con dificultades --aínda sendo orixinarias da Comunidade-- para completar a pauta aquí. A resposta ofrecida pola Xunta a estas persoas é que é "difícil de encaixar" e supón "unha enorme dificultade" planificar estes casos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta