Partidazo sen premio

O Ourense tivo unha ducia de ocasións para o gol pero a falta de acerto o o excelente partido de Rubén Blanco permitiu o Celta B manter o 0-0. Pésimo estado do campo. O vindeiro domingo, dous derbis: Racing-Ourense e Celta B-Coruxo.

Por gcdeportes | Ourense | 12/01/2014 | Actualizada ás 22:03

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Ourense:
Manu Táboas; Yosu, Portela, Moises, Pinillos; Borja Yebra (Rubén Arce, 84’), Iker Alegre, Juan Martínez (Álex Fernández, 9), Adrian Cruz, Borja Valle (Javi Hernández, 73’) e Gustavo Souto.
Celta B: Rubén Blanco; Pablo Pérez (Borja Domínguez, 61’), Soto, Goldar, Maceira, Antón, Javi Rey, Borja Fernández, David Añón, Aitor (Fernán, 59’) e Thaylor (Borja Iglesias, 65).
Árbitro: Fernando Román Román (colexio castelán-leonés). Amarelas a Portela (36’) e Gustavo Souto (80’) no Ourense e a Soto (17’), Maceira (48’), Rubén Blanco (76’), David Goldar (79’), Javi Rey (84’), Fernán (85’) e David Añón (85’) no Celta B.
Incidencias: partido da 21ª xornada de Liga na 2ªB no estadio do Couto. Antes do partido, homenaxe a Yosu e Borja Yebra polos 250 partidos oficiais co Ourense.

“Non é normal a cantidade de ocasións que erramos”, resumiu Luisito. Tres balóns ao pau e case unha ducia de ocasións. Rubén Blanco, o meta céltico, o mellor do partido. Buscou o gol o Ourense con insistencia e resistiu como puido o filial céltico. Non houbo premio: 0-0.

O CD Ourense sabía do pésimo estado do céspede e saiu concentrado no que tiña que facer: xogo directo, aperturas ás bandas e centros á área. No principio foi pola dereita, como cando Adrián Cruz centrou e Álex Fernández a piques estivo de marcar coa testa. Saiu a rentes do pau de Rubén Blanco. Añón replicou cunha ocasión que parou Manu Táboas.
No minuto 23 o árbitro non viu un penalti claro: Borja Yebra rematou dentro da área e o balón petou na man de Soto cando se dirixía á porta, acabaría en córner tras dar no longueiro. Ata o tempo de lecer, os de Luisito tiveron ata tres boas ocasións. Álex Fernández rematou alto un centro dende a dereita de Gustavo Souto, que tamén rematou alto a porta baleira un centro de Borja Yebra. No 43’, Adrián Cruz rematou coa testa ao pau e parou Rubén Blanco.

Non acusou o Ourense o paso dos minutos co campo tan pesado. Seguiu buscando o gol, metendo no seu campo o Celta B, que apenas se achegaba á área de Manu Táboas. De novo Álex Fernández rematou ao pau no minuto 57 e houbo un paradón de Rubén Blanco tras chute dende fóra da área de Iker Alegre. A falta de acerto, no caso dos atacantes ourensáns, e a boa actuación, no caso do meta celeste, mantiveron o 0-0 ata o final. Rubén Blanco luciuse ante un remate coa testa de Borja Yebra e a un disparo de Iker Alegre dende fóra da área. O fútbol fixo algo de xustiza e non permitiu o gol visitante nun remate coa testa de David Goldar que parou Manu Táboas. “Tocounos sufrir para sacar un punto”, recoñeceu David de Dios, adestrador do filial celeste.

O Ourense suma seis empates (ata cinco con 0-0) nos últimos nove partidos, pero segue cuarto con 33 puntos. O Celta B é 12º con 25 puntos. A vindeira semana, Celta B - Coruxo (sábado) e Racing de Ferrol - Ourense (domingo ás 17.00h).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta