O avance da vacinación, clave para a decisión de medidas do novo curso escolar

A Xunta destaca o seu protocolo como un documento "vivo" e que se adaptará ás decisións da conferencia sectorial do mércores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2021 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

O avance da vacinación na poboación escolar e a situación epidemiolóxica de Galicia serán claves para a toma de decisións respecto das medidas que rexerán nos centros o próximo curso. Galicia e o resto de comunidades autónomas foron convocadas o vindeiro mércores a unha reunión coa ministra do ramo, Pilar Alegría, para revisar o catálogo de medidas de cara ao novo curso que foi abordado previamente pola súa antecesora no cargo, Isabel Celaá, antes da substitución no Ministerio de Educación.

O plan vixente acordado polas comunidades e o Ministerio parte das restricións aplicadas o pasado ano: manter as máscaras, grupos burbulla en primeiras etapas e modificar a distancia de seguridade de 1,5 a 1,2 metros a partir de secundaria, entre outras. Estas medidas están baseadas nos acordos alcanzados o pasado 19 de maio e que posteriormente o Ministerio de Educación fixo obrigatorios cunha 'Declaración de Actuacións Coordinadas' o 2 de xuño.

Galicia serviuse do documento para elaborar o seu propio protocolo, un documento que o propio conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, definiu como un texto "vivo" e aberto, que se adaptará á evolución da pandemia e actualizarase tras a Conferencia Sectorial.

MENORES DE 16 ANOS

Esta mesma semana, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, proporcionaba novas claves de cara ao curso, lembrando que Galicia expuxo xa hai meses que as decisións que se tomasen de cara a este novo período tivesen en conta tanto a situación epidemiolóxica na que se atopa a comunidade como a porcentaxe de persoas en idade escolar que xa estean vacinadas.

É por iso que o obxectivo da Xunta actualmente é "chegar á maior porcentaxe de nenos e nenas vacinadas" posible para presentar estes datos ante o Ministerio, co fin de que sirvan de base para trazar as medidas que permanecerán en vigor durante o curso escolar. "En próximos días veremos se chegamos a ese obxectivo e con eses datos iremos á reunión do día 25", resolveu Comesaña.

Este mesmo día anunciou que a Xunta comezará a vacinar a mocidade de entre 14 e 16 anos a próxima semana, "un paso fundamental" de cara a setembro e o comezo do curso escolar. "Preocúpanos enormemente a volta aos colexios e queremos ter canto antes aos maiores de 12 anos vacinados", apuntou Comesaña. Nesta liña, o conselleiro anunciaba este pasado venres a vacinación dos nenos e nenas de 12 e 13 anos para o luns 23 de agosto. A inoculación das doses a este grupo realizarase o luns para conseguir que o período de cadencia entre doses, neste caso de catro semanas para Moderna, termine xusto antes de empezar o curso escolar.

O conselleiro destacou que así, "na semana do 13 ao 19 de setembro -data de inicio do curso escolar--, todos os mozos teñan a pauta completa". "Esta é a forma de garantir un inicio de curso aínda máis seguro", sinalou Comesaña.

MAIOR INTERACCIÓN

Comesaña e Rodríguez presentaron o 'Protocolo de adaptación aos centros de educación non universitaria de Galicia para o próximo curso 2021-2022' o pasado mes de xullo ante o Consello Escolar de Galicia. As etapas de Infantil, Primaria e Educación manterán grupos de convivencia estable, tanto na aula como fóra dela (é dicir, en recreos e comedor), polo que non se aplicarán criterios de distancia nestes casos. Ademais, de alcanzarse unha situación de baixa transmisión (fase de nova normalidade), estes grupos poderán interaccionar con outros do mesmo curso.

Para o resto das etapas, a distancia xeral na aula será de 1,2 metros e para todas as etapas será obrigatorio o uso da máscara todo o tempo --dentro e fóra da aula-- a partir do seis anos, e recomendable para os menores de seis.  A partir de setembro, as crianzas poderán compartir obxectos tanto no interior como no exterior, sempre aplicando as medidas de hixiene decretadas. Así pois, os alumnos dun mesmo grupo burbulla poderán xogar con elementos de uso compartido (balóns, cordas e xoguetes) no recreo ou usar materiais como tobogáns.

MANTÉÑENSE AS PAUTAS

As bibliotecas escolares aplicarán o aforamento xeral das bibliotecas públicas (que neste momento é do 75%) e recuperan o procedemento habitual de préstamo de libros e material sen que teñan que ser sometidos a corentenas.

No que respecta ás medidas básicas de prevención, mantense todas as pautas hixiénicas (lavado de mans, emprego de hidroxel ou reforzo da limpeza de espazos e mobiliario entre outros), así como os protocolos de ventilación vixentes, facendo especial fincapé na ventilación frecuente ao comezo e ao termo da xornada e nos cambios de aula, así como a ventilación cruzada para favorecer a circulación.

Ademais, os centros continuarán cos seus plans de continxencia e cos equipos covid como canle de ligazón coas autoridades sanitarias a través da Central de Seguimento de Contactos (CSC).

Aula baleira. ANPA IES DE BRIÓN - Arquivo
Aula baleira. ANPA IES DE BRIÓN - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta