Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2021 | Actualizada ás 18:00
O BNG de Celanova-Baixa Limia denuncia que os concellos de Bande e de Muiños "incumpren coa súa obrigación de informar suficientemente os bañistas sobre o risco de utilizar as augas do encoro das Conchas", en especial nas praias de Porto Quintela e Mugueimes.
A afluencia de turistas é "notable" este mes, cando "hai unha alerta sanitaria pola detección de espumas e natas de cianobacterias" cunha "alta probabilidade de efectos adversos para a saúde", advirten os nacionalistas, citando comunicados da Consellería de Sanidade publicados os días 6, 13 e 20 de agosto.
O Bloque asegura que Sanidade "nada fixo por comprobar que se cumpren as súas recomendacións, nin sequera asegurarse de que se coloca o cartel de advertencia preceptivo", un cartel que, segundo engade, "vai sen logo que identifique o organismo público que emite esa alerta". Tanto nas áreas recreativas de Porto Quintela (Bande) e Mugueimes (Muíños) os bañistas, afirma, "están a facer un uso normal das augas sen que ningunha autoridade, nin Xunta nin Concello, o impida como é a súa obrigación para garantir a saúde da poboación".
Considera "unha neglixencia grave por parte das administracións" e apunta á normativa "que indica que cando se detecta o nivel 3 de cianobacterias en augas de baño deben levar a cabo acciones inmediatas para evitar o contacto coas espumas e natas de cianobacterias e/ou coas súas toxinas, polo que as indicacións serán absterse do baño e realizar outras actividades que impliquen contacto coa auga do encoro".
Neste escenario, o BNG de Celanova-Baixa Limia esixe que tanto a Dirección Xeral de Saúde Pública, responsable de emitir as alertas, como a Consellería de Sanidade, e os gobernos locais de Bande e Muíños "poñan todos os medios necesarios para informar continuadamente e suficientemente a todos os usuarios do encoro e vixíen as zonas habituais de baño".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.