Galicia comeza este luns a vacinación da mocidade de 12 e 13 anos

Sanidade indica que o obxectivo é conseguir que os menores estean inmunizados antes do inicio do curso escolar.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2021 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

Galicia vacinará a mocidade de entre 12 e 13 anos, con doses de Moderna, este luns 23 de agosto, tal e como informou o pasado venres o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras visitar o punto de vacinación da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Este avance no proceso débese á chegada dunha partida de vacinas de Moderna, confirmada na mañá do venres e que permitiu a citación durante a tarde dese mesmo día dos menores que cumprisen os 12 anos. Este matiz, como o propio conselleiro apuntou, é "importante", posto que as vacinas non están autorizadas para nenos menores desa idade.

A inoculación das doses a este grupo realizarase o luns para conseguir que o período de cadencia entre dose, neste caso de catro semanas para Moderna, termine xusto antes de empezar o curso escolar. Comesaña indicou ademais que Sanidade creará un sistema de captación para que todos aqueles nenos que "vaian cumprindo 12 anos" entren nas listas de vacinación. As citacións realizáronse por SMS ao móbil que a mocidade teña asociado ao seu cartón sanitario.

Outro punto importante do anuncio é a obrigatoriedade por parte dos menores -tamén para os da franxa de 14 a 16, cuxa vacinación xa estaba planificada-- de presentar un documento de conformidade asinado polos pais ou titores legais no lugar no que lles corresponda vacinarse.

VACINADOS ANTES DO INICIO DO CURSO

Desta forma, a planificación de vacinación para a próxima semana, tal e como sinalou Comesaña, ocuparase o luns na inoculación de dose a menores de entre 12 e 13 anos, con Moderna, e mércores e xoves, a mozos de entre 14 e 16 anos, con Pfizer. Ademais, ao longo desta semana tamén está previsto administrar segundas doses aos mozos de entre 20 e 29 anos.

Tal e como sinalou Comesaña, o proceso planificouse desta forma para que, "na semana do 13 ao 19 de setembro -data de inicio do curso escolar--, todos os mozos teñan a pauta completa". "Esta é a forma de garantir un inicio de curso aínda máis seguro", destacou Comesaña.

PLAN DE VACINACIÓN

Este luns serán chamados menores de 12 e 13 anos de toda Galicia aos puntos de vacinación masiva, onde se lles administrará a primeira dose de Moderna. Por áreas sanitarias, a de Santiago e Barbanza citou máis de 5.000 persoas para este luns, tal e como informou a propia xerencia da área. Na Cidade da Cultura, foron chamados 4.290 mozos, mentres que no Hospital de Barbanza, citouse a 790 menores de 12 e 13 anos. A área santiaguesa tamén apuntou que para o mércores 25 e o xoves 26 citaranse a 10.800 mozos de 14 a 17 anos.

En canto a Ferrol, o luns ten previsto vacinar a máis de 2.200 persoas de 12 e 13 anos coa primeira dose, e xa o mércores e o xoves, administrar tamén a primeira picada a unhas 3.900 persoas de 14 a 16 anos.  O martes e o venres dedicarano nesta área sanitaria a inxectar segundas doses da vacina contra a covid a máis de 3.600 persoas de entre 16 e 29 anos.

En Lugo, citaron a un total de 4.580 nenos de entre 12 e 13 anos, dos que 3.150 foron chamados ao momento de vacinación do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), 940 no punto do Hospital da Mariña e 490 no punto de vacinación de Monforte de Lemos.

A área pontevedresa convocou, no recinto feiral de Pontevedra, a 4.582 mozos de entre 12 e 16 anos para primeiras doses e, no recinto feiral FEXDEGA Vilagarcía de Arousa, a outros 1.300 menores, tamén para primeiras picadas.

Pola súa banda, a área da Coruña-Cee citou, ao longo de toda a semana, a un total de 39.620 persoas, 37.556 na Coruña (IFECO) e 2.064 en Cee. A semana empezará coa inoculación de primeiras doses aos mozos de entre 12 e 16 anos, 5.393 na Coruña e 512 en Cee. O martes de destinará a completar pautas de persoas entre 20 e 29 anos, para o que se citou a 5.613 persoas na cidade herculina e a 434 en Cee. As segundas doses volverán inxectarse o venres 27, día no que tamén se despacharán autocitas -- na Coruña, 9.488 e en Cee, 412--.

A vacinación dos máis mozos coas primeiras picadas retomarase o mércores 25, con 10.181 e 403 citados de entre 12 e 16 anos na Coruña e Cee, respectivamente; e o xoves 26 --6.881 persoas citadas no IFECO coruñés e 303 en Cee. Estes dous días tamén se empregarán en repescas e en autocitas, segundo informou a área sanitaria.

Mozos esperan na Cidade da Cultura o día de arranque da vacinación másiva a menores de 20 anos / Europa Press.  / Europa Press
Mozos esperan na Cidade da Cultura o día de arranque da vacinación másiva a menores de 20 anos / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta