Denuncian o "desmantelamento encuberto" da térmica das Pontes

O comité denuncia que a falla de persoal "pode derivar en riscos para a seguridade ou o medio ambiente".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/08/2021 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

O comité de Endesa nas Pontes (A Coruña) denuncia un proceso de "desmantelamento encuberto" da multinacional eléctrica na central térmica.

"No que vai de ano, está a se producir unha redución progresiva tanto do persoal propio como das compañías auxiliares, actuacións que implicaron traslados ou despedimentos", denuncia o comité.

No mes en curso, en agosto, segundo apunta, xa estaba programada a saída doutro "importante número" de traballadores, que, segundo "recoñeceu" a empresa, son "parte do seu mellor activo".

Con todo, o comité fala de trato "inadecuado" que os traballadores da eléctrica "están a recibir nun momento tan complexo e delicado" e critica a "total falta de empatía e o desdén" tanto desde a empresa principal como das compañías auxiliares e das administracións públicas implicadas en todo o proceso.

"Temos claro que a mal chamada transición xusta na que ninguén quedaría atrás é unha mera proclama. Todo queda moi lonxe da realidade que vivimos os traballadores: compañeiros con desprazamentos programados este agosto que non recibiron a información adecuada desde recursos humanos de Endesa", lamenta o comité.

Así, entende que é "un exercicio de total e absoluta irresponsabilidade por parte da empresa o acometer esta drástica redución de persoal nunha central aínda dispoñible e sen un peche aprobado". "Non fai máis que provocar que, en determinados momentos e dada a escaseza de persoal, poden derivar en riscos para a seguridade ou o medio ambiente", avisa.

Por último, o comité manifesta o seu apoio aos proxectos alternativos para o emprego "que Endesa quixese presentar para Ferrolterra, compasados dunha transición verdadeiramente xusta para todos: persoal propio, auxiliares e transportistas".

Os camións do carbón da central de Endesa nas Pontes bloquean os accesos.
Os camións do carbón da central de Endesa nas Pontes bloquean os accesos. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta