Os consultorios de Sanxenxo; un enfermeiro e un médico para atender a veciños e centos de turistas

Denuncian que a Xunta segue sen solventar a falla de persoal nos centros sanitarios de Sanxenxo, o concello máis turístico de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Sanxenxo | 28/08/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública denuncia a inacción por parte da Consellería de Sanidade, da Xerencia da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés e do propio alcalde de Sanxenxo pola situación de "sobrecarga asistencial" dos Centros de Saúde e Consultorios periféricos deste concello. 

Varias persoas pasean en Sanxenxo (Pontevedra).. Beatriz Ciscar - Europa Press
Varias persoas pasean en Sanxenxo (Pontevedra).. Beatriz Ciscar - Europa Press

Nun comunicado, denuncian que foron varias as persoas traballadoras, tanto do Centro de Baltar como dos consultorios de Vilalonga, as que se puxeron en contacto coas distintas administracións para solicitar reforzos nos centros sanitarios "sen que houbese resposta de ningún tipo, nin mostraran un mínimo de interés".

E, isto, sinala a plataforma, cando "Sanxenxo se convertíu no epicentro de transmisión comunitaria de Covid, cun índice de casos activos que sobrepasaron os 2.300 por cada 100.000 habitantes; o que supuxo unha situación de risco tanto para traballadores como para pacientes".

Así, lembra que a situación específico de Vilalonga é coñecida pola Xerencia de Área tanto médica como de enfermaría e tamén polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a quen remitiu unha carta a comezos de agosto para solicitar a súa intermediación coa Consellería de Sanidade e procurar "recursos necesarios cara garantir a adecuada prestación de servizos tanto a persoas residentes como a foráneos".

Desde entón, a situación complicouse xa que desde mediados de mes unha das enfermeiras está desfrutando das súas vacacións, de forma que están traballando un médico e un enfermeiro, onde deberían estar traballando dous médicos e dúas enfermeiras. "Isto deriva en que cando o enfermeiro sae a atender os pacientes que están encamados (ulceras, controis de patoloxía crónica, etc. , e programados con antelación) o centro quédase cun só médico sen ningún apoio de enfermaría, co risco que isto supón se aparece unha emerxencia", indica.

Sanitarios concéntranse fronte ao centro de saúde de Baltar (Sanxenxo, Pontevedra) para denunciar o aumento da presión asistencial. PSDEG
Sanitarios concéntranse fronte ao centro de saúde de Baltar (Sanxenxo, Pontevedra) para denunciar o aumento da presión asistencial. PSDEG

"Todo isto provoca un incremento do estrés laboral dado o exceso de horas traballadas, o agotamento acumulado e, por ende, o aumento de posibilidades de cometer un erro diagnóstico derivado da situación diaria de ter que levar a cabo máis traballo do habitual coa metade do persoal", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta