Os municipios galegos máis habitados poderán "dixitalizar o transporte público" cunha subvención do Goberno

Miñones define como "oportunidade imperdible" os 1.000 millóns de euros aprobados polo Ministerio de Transportes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2021 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

Os municipios galegos de máis de 20.000 habitantes con servizos de transporte colectivo poderán "dixitalizar o transporte público" cunha subvención do Goberno de mil millóns de euros destinada tamén á peonalización de rúas, a xestión intelixente do tráfico e a adquisición de autobuses eléctricos ou impulsados por hidróxeno.

Así o explicou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, que sinalou que o diñeiro desta liña de axudas provén dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. "O obxectivo do Ministerio de Transportes é subvencionar unha mobilidade sustentable e modernizar os servizos de transporte público", afirmou.

A convocatoria vai principalmente dirixida a aqueles municipios de máis de 50.000 habitantes e ás capitais de provincia, pero Miñones explicou que aqueles municipios de máis de 20.000 habitantes que conten con transporte colectivo tamén se poderán beneficiar das mesmas.

Tamén adiantou que esta axuda volverá repetirse "no próximo exercicio", polo que os municipios poderán avanzar nos seus Plans de Mobilidade Sustentable desde xa para poder optar a esta subvención en 2022.

"OPORTUNIDADE IMPERDIBLE"

Miñones definiu como "oportunidade imperdible" os mil millóns de euros aprobados polo Ministerio de Transportes. "Os municipios non poden perder esta oportunidade, pois as subvencións contemplan financiar ata o 90% dos custos elexibles de cada proxecto", asegurou, á vez que matizou que "poden presentarse iniciativas que xa foron licitadas despois do 1 de febreiro do ano pasado".

Con estas axudas, o Goberno busca acelerar a descarbonización das cidades, mellorar a calidade do aire e mitigar o ruído mediante o impulso de zonas de baixas emisións (ZBE), a transformación sustentable do transporte público colectivo e a dixitalización da mobilidade.

CATRO LIÑAS SUBVENCIONABLES

A convocatoria desta subvención recolle que os proxectos deben estar terminados antes do 21 de decembro de 2024, e pódense dividir en catro liñas subvencionables. A primeira vai destinada á creación de zonas de baixas emisións. Nesta liña irían os investimentos en controis semafóricos e programas de recoñecemento de matrículas de residentes, entre outros.

A segunda liña inclúe medidas deseñadas para o fomento do cambio modal cara ao transporte público e o impulso da mobilidade saudable, como a peonalización de rúas e a creación de estruturas ciclísticas. Pola súa banda, a terceira ten relación coas actuacións de transformación das frotas de transporte público, como a compra de autobuses con fontes de enerxía alternativas.

Finalmente, a cuarta liña de actuación fai referencia á dixitalización dos servizos públicos de transporte que redunden nunha mellora da experiencia do usuario ou da accesibilidade no uso de transporte público colectivo.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones | Fonte: Delegación do Goberno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Debera contarllo ao alcalde de Vigo que vén de prorrogar a concesión a Vitrasa sen condición algunha para a renovación da frota de autobuses que enchen de gasoil e ruído toda a cidade sendo ademáis a empesa que ten un custe máis elevado do billete ordinario... (?)