O boom do muralismo: “é raro que haxa un pobo que non estea intentando facer unha iniciativa de arte urbana”

Esta disciplina artística está en pleno auxe. En Galicia cada vez son máis os festivais e concursos que xiran arredor desta temática. Mon Devane ve estas iniciativas como "estupendas", pero Yoseba MP cre que é necesario que se melloren as súas condicións.

Por Patricia Otero | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O muralismo consiste na creación de obras artísticas nun muro ou parede. A pesar de que moitos dos seus artistas naceron no mundo do graffiti, hoxe é unha disciplina completamente independente e da que cada vez hai máis adeptos. “Gusta en todos os lados. Eu co traballo que fago é raro que haxa algún veciño ao que non lle guste. Nós embelecemos as cidades”, indica en declaracións ao GC o artista urbano, Mon Devane.

Un dos murais pintados por Mon Devane - mondevane.es
Un dos murais pintados por Mon Devane - mondevane.es

Pero, a pesar de que agora está en auxe e hai artistas consagrados os inicios nunca son fáciles. “Hai que ter moita paciencia e traballar duro. Manter a progresión non é fácil porque é moi irregular”. Mon Devane sinala que o seu obxectivo non era dedicarse a isto. Yoseba MP, artista coñecido por pintar ás superavoas, tamén indica o mesmo. “Eu non pensaba que podía vivir soamente da pintura e gracias a entrar no circuíto do muralismo agora si que podería vivir só disto”, explica.

Yoseba MP destaca que agora o muralismo é “unha saída moi viable para calquera artista novo” porque está en pleno auxe. Mon Devane engade que nunha houbo un boom tan grande na arte do muralismo como agora. “É raro que non haxa unha cidade ou pobo que non estea intentado facer unha alternativa de arte urbana”. Sinala que de feito, está aparecendo un turismo de arte urbana e que incluso hai xente que se dedica a “cazar” arte urbano e subilo ás súas contas nas redes sociais. Con todo, os dous artistas se mostran prudentes á hora de aventurar como evolucionará este ámbito no futuro. “Agora mesmo pode ser unha moda. Non sei en que vai derivar”, expón Yoseba MP.

A ARTE URBANA ENCHE OS FESTIVAIS E CONCURSOS GALEGOS

Nos últimos tempos cada vez son máis os concellos que se unen para crear iniciativas que teñen que ver con esta temática artística. Mon Devane ve os festivais como “estupendos” para contratar a artistas consagrados e os concursos unha moi boa opción para dar soporte a autores noveis.

Porén, Yoseba MP, a pesar de que está a favor deste tipo de iniciativas, considera que hai que mellorar as condicións dos festivais. “Creo que é mellor non levar a tantos artistas e os que vaian que cobren ben. Non pode ser que un muralista profesional cobre por debaixo do que cobraría un pintor de fachadas. É inaceptable”, sinala o artista.

Os dous muralistas consideran que en Galicia hai unha boa canteira de artistas. “Hai bastante circuíto en Galicia e cada vez hai xente máis boa e coñecida a nivel nacional. Temos un bo panorama”, destaca Mon Devane.

MURAIS QUE NON SEMPRE CONTAN CA APROBACIÓN DOS GOBERNADORES

Yoseba MP foi o protagonista dunha das últimas polémicas arredor dos elementos que se inclúen nos murais. El foi o autor dun mural en Malpica no que, debido á presión social, tivo que modificar o seu bosquexo inicial. O artista estaba pintando un barco que se chamaba Novo Castelao e que tiña unha caricatura do escritor galego pero o alcalde pediulle que cambiara este nome para que fora “un barco de todo o pobo”. Yoseba aceptou pero as imposicións non acabaron aí. Un home, que ía aportar dúas esculturas que se poñerían ao lado do mural, dixo que non quería que as esculturas estiveran ao lado da imaxe de Castelao. “Meteron presión e o señor tamén me ameazou que se eu non cambiaba a Castelao el non traía as esculturas. Entón eu cambieino dicíndolles que todo o mundo ía saber o que estaban facendo ca miña obra”, explica Yoseba MP.

O artista indica que moitas veces están sometidos a moita presión social para que non haxa ningún tipo de discrepancia para a xente que ve o mural. “Parece que ten que gustar a todo o mundo pero non é así, sempre vai haber xente que discrepe e non lle guste”, ao que engade que “moitas veces comezan facendo suxestións e acábanse convertendo en imposicións”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Gamela

A primeira medianeira "artística" de Vigo (hoxe xa non existe) pola que pagamos 25.000 € do ano 2014 https://flic.kr/p/pajvtF Na actualidade existen centos de intervencións "artísticas" ao longo da cidade de Abel Caballero ! ¿Existe algún mecanismo que impida converter a arte urbana en propaganda política? Por non falar da dudosa calidade artística de moitos murais que hoxe enchen as medianeiras de Vigo

1 xos

A arte e a propaganda política van xuntas a cotío. Desde os Médici ata Abel Caballero (perdón pola comparación...). Peores cousas ten Abel que o dos murais urbanos, que non están mal en xeral. Outra cousa é a perda que significa que nesas medianeiras se constrúa logo.

2 Gamela

Gracias por lembrar que tódolos artistas dalgún xeito estiveron sempre á sombra do poder político... O que me preocupa é ver que a chamada "arte urbana" remate por sustituir calquera outra manifestación artística (?) coa desculpa de que é máis visible (populismo) ? https://flic.kr/p/NjeVNh

1 Gamela

Cando as agresións son reiteradas ... https://metropolitano.gal/extra/van...