Manuel Fernández: “chégase moi rápido a unha enfermidade de saúde mental”

Este veciño de Viveiro tivo conductas suicidas. Agora, que xa está no camiño da recuperación, conta ao Galicia Confidencial a súa experiencia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A saúde mental é unha parte fundamental da nosa vida e unha a que, posiblemente, lle deamos menos atención. Porén, os problemas de saúde mental agrávanse ano tras ano e os expertos xa están observando como a pandemia tamén está aumentando as persoas que presentan enfermidades deste tipo. En Galicia unha das enfermidades mentais que está deixando máis estragos é o suicidio. A comunidade galega rexistrou un total de 3.083 suicidios entre o 2010 e o 2019 segundo datos do INE. De tal forma, hai unha media duns 308 suicidios ao ano en Galicia, case un ao día.

Imaxe de Manuel Fernández - cedida
Imaxe de Manuel Fernández - cedida

Manuel Fernández é un home de Viveiro que tivo conductas suicidas durante moitos anos da súa vida. Agora que xa está recuperado decidiu escribir un libro chamado Mi resurgir hacia la luz onde fala dos problemas de saúde mental e concedeu unha entrevista ao Galicia Confidencial para contar a súa experiencia. 

Os problemas de Manuel comezaron na escola cando os compañeiros lle facían bullying. El admite que nese momento no se deu conta do que estaba pasando pero que agora sabe que iso foi “a semente”. Ademais tamén indica que outro factor polo que enfermou foi pola precariedade e polas malas condicións do seu traballo. “Botáronme porque enfermei e enfermei porque non era capaz de facer o traballo que me pedían, pedíanme demasiado”, confesa. 

O camiño de Manuel cara a recuperación non foi fácil. Comenta que durante moito tempo “non vía a luz” e que “non pensaba en outra cousa que non fora matarme”. A súa familia nunca o podía deixar só por si se cortaba ou intentaba aforcarse pero el admite que non se daba conta do que estaba facendo. 

Agora recoñece que se arrepinte de todo o que fixo e de todo o que tiveron que sufrir seus pais e irmás. Pídelle ás persoas que teñen conductas suicidas que pidan sempre axuda e que non fagan nada do que se poidan arrepentir. “Que pensen as cousas antes de facelas porque  non é ‘collo suicídome e acabouse todo’, as persoas que están ao teu lado sofren moito” ao que engade que “eu non quixera que ninguén pasase polo que pasei eu”.

“AS PERSOAS QUE TEMOS ENFERMIDADES MENTAIS NON SOMOS TOLOS”

Unha das razóns polas que Manuel escribiu un libro na que conta a súa experiencia e fala sobre a saúde mental foi para que a xente soubera que se pode saír e que non son “tolos”. “Aquí falas de saúde mental e xa salta a palabra tolo e non é así. Quero lograr que a xente non pense que un enfermo mental é un bicho raro”, explica.

Comenta que na sociedade hai moito medo e ignorancia sobre a saúde mental. “Moitos pensan que a saúde mental é unha soa. Hai moitas enfermidades mentais. A xente non quere saber que as persoas que temos enfermidades mentais non somos tolos”. Indica que a el o teñen deixado de lado por comentar que sufría unha enfermidade mental e que coñece a xente á que lle da vergonza admitir que teñen familiares con ese tipo de problemas pero advirte que é moi fácil que unha persoa o sufra. “Chégase moi rápido a unha enfermidade de saúde mental. Ao mellor xa a tes desde que naces e un día explota”, suxire Manuel.

A NECESIDADE DE ATENCIÓN NOS CENTROS DE SAÚDE

Este veciño de Viveiro confesa que el tivo que pasar por moitos psicólogos ata dar co correcto porque “non te entenden”. Explica que cada psicólogo empregaba os seus métodos pero que no seu caso non lograban nada. Despois de moito buscar atopou unha especialista “que me levou polo bo camiño”.

Manuel tamén recoñece que botou moito en falta ter un psicólogo ou psiquiatra no centro de saúde de Viveiro que o puidera atender. “Eu cada vez que tiña unha crise tiña que ir para Burela ou para Lugo. Era bo que tiveran aquí”, explica. Ademais tamén incide na necesidade de contar con especialistas da saúde mental nos centros de saúde porque “eu penso que moita xente ten unha enfermidade mental e non o sabe. Entón poderían axudarlles a descubrir que é e a tratalo”, finaliza. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 9Ycy

Deséxolle moita sorte a Manuel. E ao tempo quixera saber que editorial publicou o libro?.

1 carlotaafeijoo

A editorial que publicou o libro é Punto Rojo Libros.