Condenan ao Concello da Coruña por vulnerar o dereito de participación de Marea Atlántica

A xuíza cre que a alcaldesa "se excedeu" ao negar o debate das emendas da oposición a unha modificación orzamentaria.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 30/08/2021 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

O xulgado do Contencioso Administrativo 4 da Coruña estimou a demanda presentada pola portavoz municipal de Marea Atlántica, María García, por vulneración do dereito fundamental de participación en asuntos públicos, despois de que a alcaldesa, a socialista Inés Rey, denegase a posibilidade de debater as emendas que este grupo presentou a unha modificación orzamentaria para a ampliación de convenios con entidades culturais, sociais e deportivas da cidade.

A demanda foi interposta despois do ocorrido no pleno extraordinario do pasado 24 de febreiro, cando se debatía, como único punto na orde do día, esa modificación orzamentaria. Antes da sesión plenaria, Marea Atlántica presentou 10 emendas para o seu debate (e tamén o PP presentou emendas).

Pero durante o pleno a alcaldesa denegou "oralmente" a posibilidade de debater esas emendas, alegando que poderían afectar os gastos orzamentarios, que xa pasaran por Intervención.

O xulgado determinou nunha sentenza con data 27 de agosto que a rexedora "se excedeu no control das emendas, pois non se limitou ao control da legalidade, en canto á súa formulación en tempo e forma e relación coa orde do día,senón que as inadmitiu por unha cuestión de oportunidade, o que lle vén vedado".

Ademais, sinalou que Inés Rey non permitiu a intervención do secretario municipal (solicitada pola oposición nese pleno) para a realización dunha valoración técnica sobre a materia, tal e como se recolle no regulamento de funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.

De feito, a maxistrada engade que, nun informe posterior, o propio secretario sinala que "debe prevalecer o dereito dos concelleiros á presentación de emendas aos proxectos de orzamentos ou ás súas modificacións".

Finalmente, sinalou que o feito de que ditas emendas fosen debatidas noutra sesión, "non implica que non se produciu indefensión á concelleira" demandante, porque "xa se conculcara o seu dereito".

Por todo iso, a xuíza estimou a demanda e condenou ao Concello "a pasar por esta declaración e a repor á demandante no pleno exercicio do dereito infrinxido, sen prexuízo da conservación dos actos compatibles coa devandita declaración e con imposición de costas á demandada".

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

Ante esta resolución, fontes municipais responderon que "é normal acudir a un xuíz" cando hai "unha discrepancia" e enmarcaron esta acción dentro da "normalidade", porque "para iso está a xustiza".

Ademais, apuntaron que a decisión da alcaldesa nese pleno de febreiro "tomouse pensando no interese de todas as asociacións e entidades que necesitaban ver aprobados os seus convenios para poder sobrevivir e desenvolver as súas actividades" e que, coas emendas da Marea, "verían comprometido o seu futuro inmediato, posto que levaría a paralización do procedemento de concesión desas subvencións nominativas".

Finalmente, incidiron en que a esas emendas, en todo caso, "xa se lles deu saída en acordos posteriores".

Pleno do Concello da Coruña. ANDY PEREZ
Pleno do Concello da Coruña. ANDY PEREZ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta