Proxecto Cárcere empraza ao ICOMOS a "tomar partido" na "deplorable" situación da antiga prisión da Coruña

A asociación denuncia o silencio das distintas administracións competentes fronte as súas "múltiples" denuncias dende o 2019.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/08/2021 | Actualizada ás 21:27

Comparte esta noticia

A Asociación Cultural Sen Ánimo de Lucro Proxecto Cárcere vén de enviar unha carta ao ICOMOS, asociación ligada á UNESCO, para alertar á entidade do estado da antiga prisión provincial situada na contorna do monumento Patrimonio da Humanidade, a Torre de Hércules. Segundo denuncia a asociación, o estado do antigo cárcere é "lamentable".

Antigo aspecto do cárcere da Coruña
Antigo aspecto do cárcere da Coruña | Fonte: Proxecto Cárcere

Na misiva, Proxecto Cárcere fai referencia ao esforzo do colectivo por tratar de "salvagardar e poñer en valor un edificio que alberga un pasado de represión e memoria que este colectivo se nega a esquecer". Asimesmo, lembra tamén as dúas etapas nas que se materializou a idea da asociación de converter o espazo nun Centro Sociocomunitario e de Memoria: cando durante xuño de 2011 e agosto/decembro de 2018, o antigo cárcere abriu as súas portas a "todo tipo de eventos" baixo a responsabilidade de Proxecto Cárcere. Denuncian así que, dende que en febreiro de 2019 o Concello da Coruña decidiu rescindir "unilateralmente" o contrato, a prisión está "totalmente abandonada".

Ao ser o ICOMOS un organismo valedor de monumentos como a Torre de Hércules e debido á situación espacial do cárcere, que se atopa na zona búfer da contorna do faro, piden á entidade que "tome partido na deplorable situación na que se atopa a prisión". E denuncian ao mesmo tempo que nin o SIEPSE (actual propietario do edificio), nin o Concello da Coruña ou Dirección  Xeral de Patrimonio da Xunta, atenderon as súas reivindicacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta