A Xunta acusa ao Goberno e ao Concello de Pontevedra de "botar" a Ence: "nós queremos que quede na ría"

Pídelles que busquen solucións e insiste en que a súa proposta é que siga na ría de Pontevedra, a pesar das resolucións xudiciais en contra.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 31/08/2021 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, instou ao Goberno a "non porse de lado" e ofrecer unha alternativa á fábrica de Ence en Pontevedra, cuxa prórroga para ocupar terreos de Costas foi anulada pola Audiencia Nacional. Nun almorzo informativo celebrado en Pontevedra, Rueda sinalou que "os que queren que non siga a fábrica terán que ter unha solución" porque, segundo engadiu, o goberno galego "non a ten".

Biofábrica de Ence en Pontevedra
Biofábrica de Ence en Pontevedra | Fonte: Santos-Diez - Europa Press.

A Xunta, apuntou o seu vicepresidente, "se pode ser parte da solución, serao", pero asegurou que a solución ao problema de Ence "non pode partir dunha administración que dixo que a solución a tiñamos diante dos narices e empeñámonos en rebentala".

O goberno galego insiste en que "non temos alternativa" para a pasteira, xa que o lugar "no que tiña que estar" a fábrica de Ence en Galicia "é no que está actualmente". "É a localización que permitía a súa consolidación e o seu crecemento", sinalou o dirixente autonómico, que desvelou que este xoves o conselleiro de Economía, Francisco Conde, reunirase cos representantes do comité de empresa da fábrica pontevedresa.

En relación á reunión da mesa de traballo sobre Ence, que o Ministerio para a Transición Ecolóxica convocou para o próximo 10 de setembro, Rueda espera que o Goberno nos diga a todos cal é a formulación" despois de "provocar este terremoto".

Xunto co Concello de Pontevedra, insistiu o vicepresidente da Xunta, "de súpeto decidiron que aquí non podía seguir e que había que facer o posible para que marchase" e dixo que, a falta dos recursos xudiciais, "parece ser que o conseguiron". "A Xunta non fixo nada. Son eles os que botaron a fábrica", afirmou Rueda, que instou a estas dúas administracións a que revelen "cal é a solución para que o traballo de Ence quede na comarca de Pontevedra". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gamela

A solución terá que dala a empresa ENCE e o seu Consello de Administración (no que viven algúns espabilados do PP) sabían que antes ou despois terían que marchar de Pontevedra e seguen sen mover un dedo (Navia) ? Dende 1963 tiveron tempo dabondo !!! https://youtu.be/86s28PtKjLo

1 Xanc

Que alguén lle diga a Rueda e ao PP que a sentencia é da Audiencia Nacional. Que di un tribunal que ENCE non pode seguir na ría. O PP está en contra das sentencias dos tribunais?

1 Sabela Touciño

O Rueda ía para xuiz pero agora comprendo por qué non aproboujijiji.