Un total de 27 centros galegos incorpóranse ao programa de mellora de bibliotecas escolares

A resolución do plan, publicada este martes no DOG, recolle un incremento de 12,5% do orzamento.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 31/08/2021 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

Un total de 27 centros galegos incorpóranse este curso ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. A resolución do programa, publicada este martes no DOG, recolle un incremento de 12,5% do orzamento.

Con estas incorporacións, a rede galega increméntase ata o total de 765 centros, dos que 729 son públicos e 36 de titularidade privada-concertada. Así o anunciou este martes o titular do departamento autonómico, Román Rodríguez, nunha visita ao CEIP Flavia de Padrón, no que se realizarán accións de rehabilitación por importe de case un millón de euros.

Rodríguez destacou que esta resolución supón "un novo paso na mellora progresiva do sistema educativo galego", e que posibilita os obxectivos expostos no plan de mellora destes espazos en materia de innovación, inclusión e descentralización a municipios do rural.

Así, enmarcou este incremento na liña de reforzo de tres millóns de euros en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura para este ano, no que se articularon diferentes actuacións.

Entre elas o lanzamento dunha nova liña de actuación dirixida a incentivar e apoiar ás bibliotecas escolares nos centros do rural non integrados no 'PLAMBE', a renovación da colección de materiais inclusivos para unha mellor atención á diversidade do alumnado nas bibliotecas escolares, ou a extensión da convocatoria dos Clubs de Lectura a centros de primaria.

Román Rodríguez tamén se referiu a a flexibilización dalgunhas das medidas no novo curso, que permitirá recuperar espazos nos centros escolares como son as bibliotecas utilizadas o pasado ano para atender a falta de aulas para os desdobres de grupos.

LIBRARÍAS

Segundo recolle o plan, as asignacións para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento.

Entre outras cuestións, a convocatoria establece que as adquisicións dos fondos realizaranse, preferentemente, a través das librarías da zona de referencia do centro, e que deberán incluír materiais destinados á atención da diversidade. Así mesmo, a multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro estarán convenientemente contempladas e o 50% dos materiais adquiridos deberán ser en lingua galega.

Por outra banda, os centros incluídos neste programa poderán recibir formación específica no contexto do 'Plan anual de formación do profesorado' e do propio programa.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visita o centro Iria Flavia en Padrón. XUNTA
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visita o centro Iria Flavia en Padrón. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta