Feijóo reivindica Galicia como destino seguro tras "o terceiro mellor mes de xullo" desde que hai rexistros

O presidente galego visita ao Faro de Lariño, un exemplo do turismo "tranquilo" e "distinto" que quere consolidar a Xunta.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 31/08/2021 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

Galicia logrou "o terceiro mellor mes de xullo" desde que hai rexistros turísticos no territorio. É por iso que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou o valor da marca e consigna da comunidade como "destino seguro" neste contexto de pandemia e de crise sanitaria.

Feijóo destacou que, no segundo verán marcado pola covid-19, "nove de cada dez viaxeiros" que chegaron a Galicia fixérono desde o propio territorio nacional e en xullo logrouse un incremento "dun 81 por cento no número de viaxeiros con respecto ao pasado ano e un 73% o número de pernoctacións".

De feito, comparando os resultados deste ano cos de "un dos mellores" (2019), Galicia baixa unicamente un 10 por cento en viaxeiros mentres que España rexistra unnha caída tres veces maior, polo que se sitúa como unha das tres comunidades "con maior capacidade de atracción turística".

Así, quixo pór en valor o esforzo realizado polos cidadáns capaces de "aproveitar a oportunidade" e facer investimentos a pesar dos tempos de dificultade, ademais do resultado de "un bo verán" neste ámbito a pesar do turismo internacional "cernado" debido a que Europa "chegou tarde" ao certificado covid.

Por iso, o titular do Executivo autonómico situou o modelo galego de turismo seguro e tranquilo como unha fortaleza e unha oportunidade para reactivar a economía e xerar emprego e asegurou que Galicia vai seguir apostando por un turismo seguro e de calidade no que se pon en valor a paisaxe, a sustentabilidade ou o medio ambiente como valor engadido.

UN EXEMPLO

Así o trasladou durante a súa visita ao Faro de Lariño para coñecer o proxecto de reforma que transformou esta edificación tradicional nun hotel singular. "Un exemplo máis dese turismo de calidade polo que aposta Galicia", destacou

Deste xeito, valorou o "privilexio" de poder pasar a noite nun faro "que funciona" e gozar de "un dos lugares máis fermosos" de Europa, que suporá un "antes e un despois" na posta en valor dun recurso tan icónico como este tipo de edificación.

Galicia conta ademais coa Ruta dos Faros, uns 1.315 quilómetros repartidos en 56 etapas e un produto turístico que ten por obxecto fomentar o descubrimento do litoral, a valorización dos recursos e a lectura das paisaxes que se van percorrendo.

Nese sentido, Feijóo incidiu na oportunidade que suporía poder rehabilitar toda a arquitectura tradicional que existe no litoral galego e que é previa á Lei de Costas, como as conserveiras ou as fábricas de salgadura. "É unha proposta razoable que Galicia queira pór en valor os centos de edificacións tradicionais da costa galega como recursos turísticos, hostaleiros e de restauración", insistiu.

Feijóo visita o Faro de Lariño. XUNTA
Feijóo visita o Faro de Lariño. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta