Novas Músicas en Galego chega este venres ao Festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22

Neste sentido, valorou que o festival do Monte do Gozo "é o mellor escenario para inaugurar o ciclo Novas Músicas en Galego", coa participación de Mounqup, francesa de nacemento pero galega de adopción, e que se caracteriza polos ritmos de música jazz, electrónica e folk.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2021 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

Os concertos do ciclo 'Novas Músicas en Galego' arrincarán este venres no marco do Festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22, que se celebra desde mediados de xullo no Monte do Gozo compostelán. En concreto, acollerá a actuación da artista Mounqup e dúas sesións de Saya DJ. A proposta foi presentada este martes da man do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, un integrante da organización do festival, Xullo Asorey, e a propia artista Mounqup.

García destacou que a iniciativa busca pór en valor "o talento das persoas que crean en galego". "É unha forma de usar a nosa lingua dunha maneira lúdica, natural e sen medo a confundirse. Como todo, un idioma apréndese a base de utilizalo", incidiu.

Neste sentido, valorou que o festival do Monte do Gozo "é o mellor escenario para inaugurar o ciclo Novas Músicas en Galego", coa participación de Mounqup, francesa de nacemento pero galega de adopción, e que se caracteriza polos ritmos de música jazz, electrónica e folk.

Con dous discos ás súas costas e e traballando nun terceiro que verá a luz en breve, a artista foi ademais a impulsora da recuperación da aldea de Saumede como punto de convivencia cultural onde cada verán xestiona un festival multidisciplinar.

Saya DJ, pola súa banda, é unha artista multixénero cuxas sesións están marcadas polas músicas do mundo, con xéneros como afrobeats, afropop, afrohouse, dabke árabe, funk brasileiro, reggaeton ou kuduro. As entradas serán gratuítas previa reserva por motivos de organización e seguridade a través da web do festival, onde se poderá acceder a toda a información actualizada.

Presentación do ciclo Novas Músicas en Galego do Festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22. XUNTA
Presentación do ciclo Novas Músicas en Galego do Festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta