O PSdeG pide seguir o "exemplo" da lista pechada en Pontevedra con Abel Caballero para o Congreso Federal

O líder do PSdeG explicou que a delegación da provincia de Pontevedra, que estará formada por 16 representantes, estará encabezada polo alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, e que el mesmo pechará a lista "como coordinador e portavoz da delegación galega".

Por E.P. | Pontevedra | 01/09/2021 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, confirmou este mércores que a provincia de Pontevedra presentará unha candidatura "de unidade e integración" no proceso de elección de delegados para o Congreso Federal do PSOE, e pediu que ese "exemplo" se replique no resto de provincias de Galicia, co fin de trasladar o apoio de "todo" o socialismo galego ao proxecto de Pedro Sánchez.

Así o manifestou, en declaracións aos medios, nun acto no que estivo acompañado polo alcalde da cidade de Vigo, Abel Caballero (que encabezará a candidatura); o presidente provincial do PSdeG de Pontevedra, David Regades; a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva; e o secretario da agrupación local socialista, Abel Losada.

Deste xeito, o secretario xeral quixo escenificar que a súa mensaxe de "unidade" está "a funcionar", xa que conta co respaldo dos dirixentes do partido na provincia e do referente do municipalismo tanto a nivel local como nacional, o seu tío Abel Caballero. Así, Gonzalo Caballero pediu que o resto de socialistas galegos se unan a esta estratexia para mostrar o respaldo do PSdeG a Pedro Sánchez e á súa "axenda" no Goberno de España.

O líder do PSdeG explicou que a delegación da provincia de Pontevedra, que estará formada por 16 representantes, estará encabezada polo alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, e que el mesmo pechará a lista "como coordinador e portavoz da delegación galega".

"DIVISIÓNS ARTIFICIAIS"

Así mesmo, reiterou que o PSdeG debe "trasladar á cidadanía que o partido está unido" no seu respaldo ao actual secretario xeral e ao Goberno de España, e que non se pode "aparentar divisións artificiais".

Por outra banda, incidiu en que o seu "reto electoral" nestes momentos está enfocado nas próximas eleccións municipais e nas xerais de 2023. "Estamos no que temos que estar, en facer as mellores politicas ante a pandemia para a reactivación", remarcou, e pediu "non trasladar o que non é prioritario".

"XENEROSIDADE E LUCES DE LONGA DISTANCIA"

Mentres, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén puxo en valor que o PSdeG da provincia leve ao Congreso Federal "un proxecto conxunto". Así mesmo, asegurou recibir "de bo grado" a proposta de encabezar a lista de delegados para unha cita na que, vaticinou, se apoiará a continuidade de Pedro Sánchez á fronte do PSOE "porque é un gran líder político" (aínda que nas anteriores primarias o rexedor olívico e a súa contorna apoiaron a Susana Díaz).

O alcalde proclamou que, neste momento "difícil" pola pandemia e a crise, "os proxectos unitarios teñen un inmenso valor" e "os cidadáns reclaman deixar a parte as lexítimas controversias dos partidos, reclaman xenerosidade e luces de longa distancia". "Nunca entro no orgánico (...) pero creo que este proceso de unidade da provincia é un bo modelo, e dígollo ao resto de compañeiros de Galicia", apuntou.

Con respecto ao Congreso Federal, Abel Caballero subliñou que debe apostar por "intensificar" a relación do PSOE coa sociedade, "transcendendo as propias fronteiras" do partido e, por outra banda, debe "reforzar o municipalismo" que é a "política do século XXI". "Máis adiante xa chegarán outros momentos da política", apostilou.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ante o museo Marco de Vigo, 'escoltado' por Abel Caballero, Carmela Silva, David Regades e Abel Losada.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ante o museo Marco de Vigo, 'escoltado' por Abel Caballero, Carmela Silva, David Regades e Abel Losada. | Fonte: Europa Press

CONTACTOS EN OURENSE

O secretario xeral do PSOE ourensán, Rafael Rodríguez Villarino, apelou á "integración" na configuración de lista de delegados pola provincia para o Congreso Federal e avanzou que o partido "contactará" coa exdiputada autonómica Noela BLanco, quen desvelou a través das redes sociais a súa intención de presentar candidatura para encabezar esta delegación.

Preguntado polo proceso interno nun acto celebrado este mércores en Ourense, Villarino subliñou que o PSOE é un "proxecto colectivo" e que o Congreso Federal que a formación celebrará en Valencia servirá para "ratificar a Pedro Sánchez e unha forma de facer política" que todos "comparten".

"Por tanto, non é unha cuestión persoal, non é relevante a miña postura a nivel persoal. É relevante a postura de grupo, colectiva", incidiu para asegurar que está "a favor dunha integración" ao considerar que "non hai discusión nestes momentos" e que todos os militantes apoian as políticas de Pedro Sánchez.

Ademais, sobre a intención de Noela Blanco de presentar candidatura, explicou que o partido se porá en contacto con ela "para preguntarlle se está se está disposta facer unha integración nun proxecto colectivos". "Entendemos que seguro que si. Nós non imos apostar por outra cousa que non sexa o proxecto do PSOE", incidiu.

En concreto, Blanco, que deixou o seu escano no Pazo do Hórreo tras non ser elixida para a lista dos socialistas nas eleccións autonómicas do verán de 2020, perdeu en 2017 as primarias á Secretaría Provincial ourensá fronte a Rafael Villarino, próximo a Caballero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Gonzalito quere brillar no Congreso grazas ás luces do tío Abel ?