O protocolo definitivo do curso, que mantén as medidas esenciais, permitirá maior interacción entre o alumnado

Educación realizará un aprovisionamento inicial de elementos de sinalización e máscaras de protección

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2021 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publicou este mércores o protocolo definitivo de prevención ante a covid-19 para o novo curso escolar. O documento manterá as medidas esenciais de protección individual e colectiva, como o uso obrigatorio de máscara a partir de seis anos ou a ventilación de espazos, pero aliviará parte das restricións para permitir unha maior interacción entre o alumnado en determinados contextos.

A actividade lectiva será presencial en todas as etapas, con prioridade para o alumnado de menor idade, aínda que se recoñecerá a opción de semipresencialidade de forma excepcional en formación profesional e en ensinos de réxime especial.

Os centros estarán abertos todo o curso para asegurar o servizo de comedor e o apoio lectivo a menores con necesidades especiais ou pertencentes a familias socialmente vulnerables. Do mesmo xeito, o centro evitará as asembleas e reunións presenciais, e deberá tentar realizalas de forma telemática, co obxectivo de limitar o número de persoas nun mesmo espazo.

Unha das medidas que se manteñen é o deber dos docentes de realizar unha autoenquisa diaria para comprobar o seu estado, do mesmo xeito que os pais e titores legais terán que facer unha valoración de síntomas aos nenos cada día antes de acudir ao centro.

DISTANCIAS

A distancia interpersoal será de polo menos 1,5 metros nas interaccións no propio centro, un escenario que será diferente no caso da separación entre alumnos dentro da aula.

Infantil e primaria manteñen os 'grupos burbulla' ou de convivencia estable, sen limitación de distancia, que este ano poderán interaccionar con outros grupos do mesmo centro ao aire libre en caso dun escenario de transmisión moi baixa. Con todo, a partir de secundaria a distancia entre postos escolares será de polo menos 1,2 metros dentro da aula e desde o centro das cadeiras.

Os centros poderán retirar mobiliario non indispensable para aproveitar a superficie útil da aula, poderán utilizar aulas alternativas de especialidade de maior dimensión (laboratorios, de música, etc.) ou instalar biombos para garantir polo menos 1 metro de separación.

O centro deberá evitar actividades que supoñan unha interacción e mestura entre o alumnado de diferentes grupos ou clases nas que non se poida manter a distancia mínima interpersoal, e os eventos ou celebracións realizaranse sempre que se poida ao aire libre. O alumnado non poderá compartir material de uso propio, pero si terá maior liberdade para compartir outros obxectos e xogos.

APROVISIONAMENTO INICIAL

Doutra banda, mantense a sinalización, a disposición de xeles hidroalcóholicos e outro tipo de materiais.

A Consellería realizará un aprovisionamento inicial tanto de elementos de sinalización como de máscaras de protección. Con todo, será o centro con cargo aos seus gastos de funcionamento os que teñan que suplir a falta de equipos de protección que nos sexan centralizados pola Consellería, como xeles e dispensadores, materiais de limpeza, biombos para o comedor ou papeleiras, entre outras.

Aula dun centro. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press
Aula dun centro. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta