O PPdeG defende en Europa os numerosos parques eólicos de Galicia porque "son compatibles coa paisaxe"

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, critica a "desleixo" do Goberno galego e celebra que a petición sobre o parque eólico das Salgueiras quede aberta na Eurocámara.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/09/2021 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

O eurodeputado do PP no Parlamento Europeo, Francisco Millán Mon, defendeu este xoves que a planificación da enerxía eólica en Galicia é compatible coa conservación do medio ambiente e da paisaxe. "É moi importante a ordenación e lograr un xusto equilibrio entre distintos intereses", dixo.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, no Parlamento Europeo. © EUROPEAN UNION 2019 - SOURCE : EP
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, no Parlamento Europeo. © EUROPEAN UNION 2019 - SOURCE : EP | Fonte: JAN VAN DE V

 

Foi na Comisión de Peticións, que está presidida pola portavoz do PP no Parlamento Europeo, Dolors Montserrat, onde se debateu este asunto por mor de dúas peticións de cidadáns galegos en relación con dous proxectos de parques eólicos nas Salgueiras (Ponteceso) e Os Cotos (Cercedo-Cotobade).

 

Millán Mon destacou que a planificación do sector eólico por parte do Goberno galego "é unha cousa seria e restritiva". De feito, lembrou que a normativa galega é máis estrita que a normativa da Unión Europea. "En Galicia non está permitido implantar parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan Sectorial Eólico nin nos espazos da Rede Natura 2000", dixo.

Francisco Millán Mon. ERIC VIDAL
Francisco Millán Mon. ERIC VIDAL

 

En relación a isto, o eurodeputado galego concretou que a Xunta rexeitou xa até 47 proxectos por estar fóra de ordenación ou estar situados nas zonas da Rede Natura. Ademais, engadiu, que "a planificación galega é máis restritiva que a actitude do Ministerio de Transición Ecolóxica do Goberno central, que autorizou parques eólicos situados en zonas protexidas".

 

PROXECTOS DE PONTECESO E CERDEDO-COTOBADE

 

En canto aos dous proxectos sobre os que se debateU na reunión da Comisión de Peticións, Millán Mon recalcou que aínda están en tramitación. "Ademais, non parece que haxa infracción algunha do Dereito da UE, e calquera posible reclamación pódese sustanciar ante as instancias nacionais competentes", salientou.

 

Así, sobre o proxecto do parque eólico das Salgueiras concluíu que o trámite de avaliación de impacto ambiental que impoñen as Directivas europeas "resulta positiva". Mentres, no caso do proxecto eólico de Os Cotos, "aínda non foi avaliado, nin sequera inicialmente, polas autoridades competentes". En todo caso, Millán Mon lembrou que a Comisión Europea non detectou infraccións en ningún dos casos.

 

CRÍTICAS DO BNG

 

Pola súa banda,  trasladou a satisfacción da formación nacionalista por que a petición sobre a instalación dun parque eólico no Monte das Salgueiras, -que afecta aos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica- quede aberta na Eurocámara. Esta decisión foi tomada co apoio dos Verdes-ALE, a través da eurodeputada Tatjana Zdanoka, e da coalición electoral da que forma parte o Bloque a través do eurodeputado Pernando Barrena. “As súas intervencións foron moi boas sobre a vulneración polo goberno do PP das diversas normativas comunitarias”, dixo Miranda.

 

Neste sentido, especificou que o proxecto das Salgueiras vulnera varias directivas comunitarias como a de Hábitats e a de Participación Pública, entre outras, ao situarse nun espazo natural protexido moi próximo á Rede Natura 2000. Ademais, lembra que a contribución de Galicia á Rede Natura é unha das máis baixas non só do Estado español senón de toda a Unión Europea, só cun 11,74% de superficie protexida. Criticou, ademais, que o Goberno galego non ten dado ningún paso para ampliar a Rede Natura, en contra das recomendacións da Comisión Europea.

 

“Non pode ser que o desleixo do goberno galego na ampliación da Rede Natura serva de escusa para instalar parques eólicos sen control e que non cumpren as directrices comunitarias”, criticou a portavoz do Bloque en Europa, quen apunta que na sesión da Comisión de Peticións celebrada este xoves na Eurocámara foron 4 os grupos parlamentares europeos que defenderon manter aberta a petición sobre o proxecto das Salgueiras, -petición presentada por Ismael López en nome da asociación Petón do Lobo-, fronte á postura defendida polo PP.

 

"DESCOÑECEMENTO" DO PP

 

Precisamente, a portavoz do BNG en Europa criticou as manifestacións dos populares neste caso porque demostran o seu “absoluto descoñecemento do proxecto”, ao obviar a realidade de que xa comezaron as obras, que lamentablemente están afectando á Rede Natura e os seus espazos adxacentes, tal e como ten manifestado o propio BNG de Ponteceso en reiteradas ocasións. 

 

“Agardamos que a decisión de manter aberta a petición serva para aumentar a protección da nosa terra e frear o espolio das eólicas”, salienta Miranda, quen explica que o BNG defende “unha enerxía limpa e renovábel que sexa respectuosa co medio, coa paisaxe e coas persoas”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

Compatíbeis cunha paisaxe de muíños eólicos. O pp debería chantar un deles no Obradoiro, na fachada da catedral: é compatíbel co seu nivel cultural, e serviríalles de símbolo do bienio xacobeo.

1 Gamela

Miranda NON é Parlamentaria do Parlamento Europeo https://www.europarl.europa.eu/meps... Os votos dos galegos foron para ERC e Bildu !