Dous xogos para dar a coñecer a fauna e orografía de Ourense aos máis pequenos

Xunta e Concello de Verín presentan dous proxectos de Aira editorial para achegar Galicia ás crianzas co gallo do Xacobeo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Co segundo ano do primeiro xacobeo duplo xa asomando no horizonte, continúan as mostras de promoción e divulgación acerca dun dos fenómenos históricos e económicos máis representativos e importantes do territorio galego. A Xunta de Galicia vén de presentar, xunto co Concello de Verín, dous produtos vencellados á ruta xacobea e lanzados por Aira editorial, casa tamén presente na saída á luz das propostas. 

Dous xogos de Aira Editorial para achegar a orografía e fauna de ourense aos máis pequenos
Dous xogos de Aira Editorial para achegar a orografía e fauna de ourense aos máis pequenos | Fonte: Concello de Verín

Trátase, en conxunto, de dúas publicacións, A natureza no Camiño e Os camiños de Ourense, dous produtos desenvoltos grazas ao programa O Teu Xacobeo 2021 que constrúen propostas pensadas para todos os públicos e nos que as coordenadas da Vía da Prata, as comarcas da Limia e Verín e a provincia de Ourense no seu conxunto teñen un papel destacado.

Na rolda de prensa, César Lorenzo, director da editoial, presentou o xogo de memoria A natureza no Camiño de Santiago, unha divertida proposta para toda a familia na que os xogadores deben xuntar parellas de animais e especies da flora propias da ruta xacobea. “O xogo permitirá galegos e visitantes poden aprender máis sobre fauna e flora e, sobre todo, sobre o vocabulario galego específico destas especies”, destacan dende o Concello de Verín a respecto dun produto cunha “fabricación de alta calidade e fermosas ilustracións a toda cor”. 

Lorenzo tamén amosou en público Os Camiños de Ourense, un mapa para pintar, pensado para nenos e nenas de até cinco anos. “Grazas ás súas amplas dimensións (1 metro por 70 centímetros) os máis cativos da casa disporán de horas e horas de diversión poñéndolle cor á provincia de Ourense, descubrindo os camiños que a percorren e tamén monumentos, mitos e personaxes relacionados coas rutas xacobeas”, engaden.

Na presentación estiveron presentes, Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos do Concello de Verín, Cecilio Santalices, xefe de servizo de Turismo na delegación territorial da Xunta en Ourense e César Lorenzo, director de Aira editorial “Desde o  Concello de Verín sempre tentamos apoiar, na medida do posible, todos os proxectos que dunha maneira ou outra buscan visibilizar as singularidades da nosa vila. Máis aínda cando se trata de poñer en valor o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico dunha maneira tan amena e didáctica”, explicou Emilia Somoza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta