Santiago recibe ao seu peregrino 100.000 tras un agosto de desbordamento na oficina de atención compostelá

O deán, Segundo Pérez, reivindica o "esforzo" realizado para tentar atender a todos os visitantes ante o "boom" do verán

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2021 | Actualizada ás 15:50

Comparte esta noticia

A capital galega recibiu este xoves ao seu peregrino número 100.000, unha cifra moi representativa do rexurdimento do Camiño de Santiago durante este verán e que pon fin a un agosto de desbordamento nos servizos da oficina internacional de atención aos visitantes de Compostela.

O propio deán da Catedral, Segundo Pérez, referiuse este xoves ao fenómeno vivido especialmente durante o mes de agosto, cando se rexistrou un "boom" de visitantes e peregrinos que suscitou, nalgún caso, queixas en redes sociais por non poder recibir a 'Compostela' o mesmo día de chegada.

Neste sentido, Segundo Pérez destacou o "esforzo" realizado polos servizos de atención para ir "incorporando na medida das posibilidades" a estes peregrinos, con alternativas como avisos mediante correo electrónico e outras iniciativas.

"Facemos o que podemos", insistiu Pérez, que á súa vez destacou a ocupación de todas as prazas e o apoio da Xunta de Galicia para facilitar a xestión ante a "sorpresa" e o "desbordamento" inesperado durante o mes de agosto, aínda que se espera un descenso paulatino a partir de setembro.

Pérez participou xunto ao vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, no acto de recepción a Jorge Manuel GonÇalves, peregrino número 100.000 e que chegou e Santiago de Compostela desde a cidade portuguesa de Aveiro acompañado polo seu fillo, a quen desexou que sexan "verdadeiramente portadores do espírito xacobeo".

O propio Jorge Manuel relatou que se trata da terceira vez que realiza o Camiño e agradeceu o "xesto" como unha homenaxe "a todos os peregrinos que veñen a Santiago", nun ano "especial" polo contexto de pandemia pero con toda seguridade mediante o cumprimento das medidas de precaución e a máscara.

"REXURDIMENTO" DO CAMIÑO

Alfonso Rueda destacou o "rexurdimento do Xacobeo" rexistrado, especialmente, nos últimos tres meses, unha "magnífica noticia" tras os escasos resultados cultivados a principios do ano. De aí veñen "parte das circunstancias" explicadas por Segundo Pérez, engadiu Rueda, ante un agosto de "tanto éxito e tanta potencia" que derivou en dificultades para poder atender a todo o mundo.

O vicepresidente primeiro comprometeuse a seguir "mellorando" e continuar cos preparativos para un "moi bo ritmo de chegada de peregrinos" nos próximos meses, a pesar da relaxación que se espera nas cifras de visitantes. En definitiva, Rueda reivindicou as cifras e o "beneficio indiscutible" que repercute en Santiago, a súa comarca e toda Galicia, nun verán que demostrou que o Camiño "é seguro" cunha incidencia "mínima" e que xa mira cara ao próximo ano 2022.

Recepción ao peregrino 100.000 en Santiago
Recepción ao peregrino 100.000 en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta