O BNG insta á Xunta a impulsar un consorcio público-privado para a industria forestal "con ou sen Ence"

O parlamentario de Meio Ambiente, Luís Bará, apunta que o proxecto está pensado "non só para manter os postos de traballo actuais, senón para multiplicalos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2021 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

O BNG instou á Xunta a crear un complexo industrial público privado no sector forestal "con ou sen Ence" para multiplicar o emprego actual. Nunha rolda de prensa ofrecida este xoves en Pontevedra, o portavoz parlamentario de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, explicou que esta é unha das "alternativas de futuro" que a súa formación defenderá no primeiro pleno do novo período de sesións da Cámara galega, que terá lugar o próximo 14 de setembro.

Luis Bará
Luis Bará | Fonte: Adrián Estévez (Estevoaei) wikimedia

"Como a Xunta non pon propostas encima da mesa, quen as pon é o BNG", dixo Luís Bará. Así, a moción rexistrada xa na Cámara galega propón que a Xunta lidere a mesa polo futuro de Ence "tendo unha posición proactiva e, desde logo, non pondo paus nas rodas", advertiu o deputado nacionalista.

Ademais, os nacionalistas galegos defenderán que a Xunta e o Executivo estatal coordinen os proxectos para a recuperación dos terreos que ocupa o complexo de Ence en Lourizán e para a "recuperación ambiental e produtiva da ría de Pontevedra", elaborando os plans de ordenación urbanística para, como explicou Bará, "empezar a traballar seriamente en algo que se terá que facer, o desmantelamento, a descontaminación dos terreos e a recuperación ambiental e produtiva da ría".

Finalmente, o BNG avoga por un consorcio público-privado para a industria forestal, un complexo industrial con participación pública e tamén do sector forestal galego, unha fórmula que xa existe nos países nórdicos, segundo sinalou o deputado nacionalista.

"Este proxecto pódese facer con Ence ou sen Ence, porque non é indispensable nesta ecuación", engadiu Bará, que explicou que este consorcio contemplaría unha fábrica de celulosa con peche de ciclo, un centro de transformación da madeira en bioprodutos e biomateriais de alto valor para sectores como a construción, o téxtil ou as refinarías, e un centro de investigación e innovación.

Finalmente, o BNG defenderá tamén no Parlamento que a Xunta encargue un estudo sobre as posibles localizacións deste complexo industrial forestal. "Porque non podemos quedar nas mans de Ence para dicir se existen ou non emprazamentos posibles para este proxecto de futuro", incidiu

Na moción nacionalista tamén se instará ao Executivo galego a avaliar o financiamento con fondos públicos europeos Next Generation, ademais de estatais e galegos, deste "ambicioso proxecto" pensado "non só para manter os postos de traballo actuais, senón para multiplicalos" e abordando tamén o "desenvolvemento e descontaminación do complexo de Ence en Lourizán", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta