Feijóo culpa das listas de espera en atención primaria ao Goberno central

O presidente da Xunta asegura que "nin se nos deixa contratar as prazas que temos vacantes nin se atende á proposta de Galicia para captar máis médicos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2021 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, culpou ao Goberno central das listas de espera en atención primaria, á vez que afeou que o mesmo Executivo estatal "responsabilice" deste problema ás comunidades autonómas.

"Nin se nos deixa contratar as prazas que temos vacantes nin se atende á proposta de Galicia para captar máis médicos", remarcou Feijóo na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu goberno, a primeira tras o parón estival e que tivo lugar este xoves.

Segundo o presidente galego e líder do PPdeG, o Executivo central que encabeza Pedro Sánchez "non deixa solucionar" o problema da falta de médicos na atención primaria e, ao mesmo tempo, "fai responsables" ás comunidades desta situación.

Feijóo incidiu en que se trata dun problema que afecta "a toda España". "Non coñezo ningunha comunidade que non teña este problema", continuou tras lembrar que a Xunta expuxo eliminar a taxa de reposición e convocar un MIR extraordinario como medidas para paliar a "falta" de profesionais no medicina.

"Algúns propomos solucións. Hai outros que critican e que, no canto de achegar solucións, responsabilizan ao resto", aseverou o presidente da Xunta.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta