Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2021 | Actualizada ás 16:23
O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, cualificou de "tomadura de pelo á cidadanía" a situación co baleirado dos encoros galegos e lamentou as "mentiras" e "inacción" do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
"As mentiras e a inacción do señor Feijóo con este tema son moi graves despois de que o pasado xoves asegurase que as compañías non informaran á Xunta sobre o baleirado e cando ao día seguinte se publicaron correos electrónicos que demostraron o contrario", criticou Arangüena.
Nun comunicado, o viceportavoz dos socialistas referiuse a os e-mails, publicados na prensa, nos que a compañía eléctrica Iberdrola notifica ao Goberno galego --ao servizo de Conservación da Natureza da Xunta--, os días 10 e 12 de xuño, a súa "intención" de baleirar os encoros de Cenza e As Portas.
Arangüena esixiu ao Executivo autonómico que "asuma responsabilidades", posto que sabe "desde o minuto cero que ten as competencias, os medios e a obrigación de actuar e, a pesar disto, non fixo absolutamente nada ata este sábado, a parte de mentir e botarlle a culpa ao Goberno de España", recalcou.
E é que este sábado a Xunta de Galicia abriu un expediente ás empresas concesionarias de catro encoros nas provincias de Lugo e Ourense polo baleirado das súas augas; un expediente que se suma ao incoado o venres á propia Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.