O Premio Ourensanía 2020 recae na directora de Saúde Pública da Organización Mundial da Saúde, María Neira

"Este premio faime estar máis agradecida con Ourense por darme o mellor pai do mundo, emprendedor, honesto e xeneroso, que saíu a buscarse a vida fose pero nunca se esqueceu das súas raíces", destacou Neira.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2021 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

A directora de Saúde Pública da Organización Mundial da Saúde (OMS) recibiu este martes en Oviedo o Premio Ourensanía 2020 por parte do presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar.

Nun acto celebrado no espazo cultural da praza de Trascorrales e coa presenza do alcalde de Oviedo, Alfredo Canteli, Baltar entregou o recoñecemento á doutora María Neira, descendente de pai ourensán e distinguida polo labor que desenvolve no ámbito divulgativo e de concienciación sobre a pandemia do covid-19.

"Este premio faime estar máis agradecida con Ourense por darme o mellor pai do mundo, emprendedor, honesto e xeneroso, que saíu a buscarse a vida fose pero nunca se esqueceu das súas raíces", destacou Neira.

A homenaxeada subliñou que é "unha grandísima idea traer un pedacito de Ourense ata Oviedo" e asegurou "levar a ourensanía con moitísimo orgullo" dedicando o premio a todos os sanitarios e a cantas persoas traballaron na pandemia.

Pola súa banda, Manuel Baltar agradeceu o traballo realizado por Neira "nunha situación dramática" na que "toda a humanidade dirixía as súas miradas á OMS" e afirmou que, tras o adiamento da entrega do Premio Ourensanía 2020, non había mellor idea que escoller a cidade de Oviedo para celebrar o acto porque "a ourensanía non entende de límites xeográficos, é un sentimento".

"Non queremos vender Ourense senón compartila", sinalou para resaltar da terceira cidade galega que "é un mar termal" e que "se trata do maior potencial termal de Europa, cuxa capital estará a 2 horas e 8 minutos de Madrid grazas á alta velocidade".

A entrega do galardón incluíu a interpretación dos himnos do Antigo Reino de Galicia e de Ourense a cargo do gaiteiro maior da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Marco Foxo, quen tamén interpretou o himno de Asturias xunto á Real Banda de Gaitas da cidade de Oviedo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, preside en Oviedo a entrega ddel Premio Ourensanía 2020 á directora de Saúde Pública da OMS, María Neira. ALBERTE PAZ GARZA
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, preside en Oviedo a entrega ddel Premio Ourensanía 2020 á directora de Saúde Pública da OMS, María Neira. ALBERTE PAZ GARZA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta