Protesta ante a Xunta para denunciar "a pandemia dos recortes" en educación

CIG e Anpas Galegas denuncian a intención de Educación de reducir docentes, desdobres e elevar ao máximo o cociente de alumnos.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 08/09/2021 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

Varias decenas de persoas secundaron este mércores unha concentración ante as instalacións da Xunta na capital galega para denunciar "a pandemia dos recortes" que afectará os centros de toda Galicia neste curso que empeza.

A protesta, que se celebrou baixo a intensa choiva, foi convocada por CIG-Ensino e a Confederación Anpas Galegas en San Caetano, onde os participantes corearon consignas e portaron pancartas coas lemas 'Menos cociente e máis docentes' ou 'Na defensa do Ensino público'.

Os portavoces destas organizacións advirten dun curso no que "se prima o económico sobre o sanitario e o pedagóxico", a pesar de que se trata precisamente dun período que debería ser de reforzo "por todo o que vén arrastrando" por mor da pandemia da covid-19.

En declaracións aos medios o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, e o portavoz de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, denunciaron que se deseñen os protocolos e as diferentes medidas de seguridade para tentar "que lle dean as contas ao presidente da Xunta".

Lacaci referiuse en particular ao cambio aos 1,2 metros para organizar os postos dentro da aula, o que se contradí co 1,5 disposto o pasado ano, o que aínda se considera imprescindible para a distancia interpersoal e os dous metros para establecer e determinar os contactos próximos.

Todo iso mantense menos dentro das propias clases, engadiu, porque "nas aulas custa diñeiro", o que na súa opinión converte aos alumnos en suxeitos "dun despropósito" que se expón unicamente con criterios economicistas. Desde a CIG, Bermello advertiu ademais da "mentira" dos 1.250 docentes anunciados pola Xunta para afrontar a covid, posto que se trata de "medias xornadas" como parte do Programa Recupera para apoiar reforzos ordinarios.

"O que hai que facer é contratar profesorado a tempo completo estrutural e isto é o que se está reducindo, tanto en primaria como en secundaria", censurou, á vez que se eleva o cociente "ao máximo" e nalgúns casos "supérase", pondo o exemplo de aulas de 26 alumnos en infantil e primaria en Oleiros.

FALTA DE TRANSPARENCIA

Bermello lamentou ademais que se apliquen estas medidas "baixo a premisa fundamental de recortar" e servíndose do acordo alcanzado entre o Ministerio de Educación e as comunidades para aplicar os 1,2 metros na aula, que non é de aplicación obrigatoria.

Do mesmo xeito, advertiu da "falsidade" dos 'grupos burbulla' e do argumento da vacinación no caso de infantil e primaria, dado que non está prevista unha decisión para o alumnado menor de 12 anos ata principios de 2022.

"O lóxico sería manter os criterios sanitarios e de todo tipo do curso anterior", insistiu, á vez que reclamou "transparencia" sobre a dotación de efectivos do pasado ano e a que se materializará este novo curso.

Fernando Lacaci, pola súa banda, lamentou que estes "recortes sistemáticos" están "a esnaquizar o tecido completo" do territorio e deixan ao medio rural "completamente atrás" mentres as cidades "perden a súa identidade a golpe de concentracións de alumnado" na aula.

Concentración da CIG e Anpas Galegas ante a Xunta
Concentración da CIG e Anpas Galegas ante a Xunta | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta