Constituído un novo grupo de Memoria Histórica en Cabanas

Leva o nome de "Constantino López e Pedro Rico", torturados e asasinados polos franquistas en 1947.

Por Galicia Confidencial | Cabanas | 09/09/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

“A recuperación da memoria histórica democrática é un acto de xustiza social cos que quixeron construír un pais en liberdade, pero tamén unha mostra de que somos unha sociedade que quere resolver as súas débedas históricas dende o diálogo e a práctica democrática”. Así se puxo de manifesto no acto celebrado esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello de Cabanas durante a constitución do grupo "Constantino López e Pedro Rico" para traballar pola Memoria História.

Constituído o grupo 'Constantino López e Pedro Rico' para traballar pola Memoria História
Constituído o grupo 'Constantino López e Pedro Rico' para traballar pola Memoria História | Fonte: remitido

O alcalde Carlos Ladra e o tenente de alcalde Iago Varela saudaron aos familiares de Constantino López Marcos e Pedro Rico Rodeiro e recibiron un listado provisional das vítimas da ditadura en Cabanas. Nos vindeiros meses traballarase na búsqueda de máis persoas que sexan susceptíbeis de incorporar a esa lista.

"Gústame saber de onde veño para saber a onde vou”, afirmou Constantino Rico,residente en Francia e neto de Pedro Rico Rodeiro. Os familiares de Pedro Rico e de Constantino López Marcos recibiron un diploma conmemorativo -elaborado de xeito desinteresado no laboratorio de creación artística Laudas Calamity- de mans do primeiro mandatario da localidade.

Pola súa banda, a profesora Anxos Garcia Fonte trasladou ás persoas participantes un sentido relato persoal da represión despois da guerra. O acto finalizou coa interpretación por parte do músico Roger de Flor da canción “Notas necrolóxicas” elaborada a partir dun poema de Celso Emilio Ferreiro.

Os corpos de Constantino e Pedro apareceron nun lugar de Soaserra en Cabanas en decembro de 1947. Foran detidos nos seus domicilios en xullo dese ano e levados a un lugar das Fragas do Eume onde padeceron tortura ata a morte. Querían que confesaran os lugares onde se agochaban os guerrilleiros antifranquistas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta