O pleno da Coruña acorda nomear fillos adoptivos aos senegaleses que axudaron a Samuel

Na sesión aprobouse tamén reforzar os programas de apoio ao colectivo LGBTQi+.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2021 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

A Corporación municipal da Coruña aprobou, co respaldo de todos os grupos con representación municipal --PSdeG, PP, Marea Atlántica, BNG e a concelleira non adscrita Isabel Faraldo (Podemos)-- unha moción dos nacionalistas para a concesión do título de fillos adoptivos da Coruña a Ibrahima e Magatte, os dous senegaleses que trataron de auxiliar a Samuel Luiz.

A moción foi defendida polo portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, quen incidiu en que os comportamentos que concorreron "nese acto de brutalidade", dixo sobre a agresión a Samuel, "non representan á cidade". Mentres, destacou a intervención de Ibrahima e Magatte, dos que remarcou a súa intervención para tentar axudar a Samuel Liz a pesar de que estaban nunha situación irregular en España e dos que subliñou que puxeron en risco "as súas vidas".

Na mesma liña, interviñeron os demais representantes dos grupos municipais, que destacaron a "coraxe" de ambos e condenaron o asasinato de Samuel. Fixérono nunha sesión plenaria na que tamén se aprobou unha moción demandando ao goberno local que se reforcen os programas de apoio ao colectivo LGBTQi+ e demandáronse políticas públicas a este respecto.

Arquivo - Manifestación contra agresións LGTBfóbicas. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Manifestación contra agresións LGTBfóbicas. M. Dylan - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta