Feijóo, ante a postura da oposición polo baleirado de encoros: "sorpréndeme que haxa políticos que mintan aos galegos"

O presidente da Xunta acusa a PSdeG e BNG de "mentir" para facer "ruído".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2021 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acusou aos partidos da oposición (BNG e PSdeG) de "mentir" sobre o baleirado dos encoros na conca Miño-Sil para xerar "ruído" co ánimo de "ver se a xente non se dá conta" de que "o responsable" de que se autorizase a baixada do nivel das presas é a Confederación Hidrográfica desta demarcación e, por tanto, o Goberno central.

"A competencia é exclusiva do Estado", aseverou Núñez Feijóo a preguntas dos medios este xoves na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu goberno, onde incidiu en que a propia vicepresidenta terceira do Goberno, Teresa Ribera, tachou os feitos de "lamentables" e "comprometeuse" a levar a cabo axustes lexislativos para evitar que se repitan. "Non se pode asumir a autoría da responsabilidade dunha forma máis clara que como o fixo a ministra", sinalou o presidente galego. "Sorpréndeme que haxa políticos en Galicia que mintan aos galegos", continuou.

Así, defendeu que o seu goberno contou "desde o principio" a "verdade" sobre o sucedido para, a continuación, reafirmar que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil "non pediu autorización nin comunicou o baleirado dos encoros". A continuación, Feijóo tachou de "broma" que "agora" a CHMS faga referencia "a un fax" remitido "á delegación de Ourense e ao 112" no que a empresa xestora dos encoros (Iberdrola) comunicou que procedería ao baleirado das presas.

"Non quero pensar mal, se se trata dunha estratexia pactada entre a empresa e o goberno", continuou Feijóo, antes de ironizar con que "menos mal" que o escrito "foi enviado ao 112 e non a un centro de saúde". "Dá a sensación de que nos tomamos de broma á xente", aseverou.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa. DAVID CABEZÓN / XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa. DAVID CABEZÓN / XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta