Deteñen a un home reincidente por un incendio intencionado que afectou a Ribeira a finais de agosto

A persoa xa fora arrestada en varias ocasións polo mesmo motivo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2021 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

Un home foi detido acusado de provocar un incendio forestal que afectou o municipio de Ribeira a finais do pasado mes de agosto. O lume foi intencionado e orixinouse, supostamente, mediante o uso dun chisqueiro. A investigación iniciouse no marco do dispositivo de vixilancia despregado o pasado agosto na Conlleira, debido á elevada incidencia de lumes rexistrados na zona (17 desde 2015).

As indagacións estiveron a cargo de axentes da Policía Autonómica de Santiago de Compostela, en colaboración coa Policía Nacional e a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO).

Por mor das pescudas logrouse deter a un home como presunto autor dun incendio intencionado que se produciu o pasado 31 de agosto na parroquia de Santa Uxía de Ribeira. Trátase dunha persoa reincidente e que xa fora arrestada en varias ocasións polo mesmo motivo.

O lume chegou a afectar a 3.400 metros cadrados, 3.000 de arboledo e 400 de monte raso, e a intervención dos efectivos de extinción evitou que as chamas alcanzasen vivendas e unha nave industrial contigua na que se almacenaban produtos inflamables.

As dilixencias polo ocorrido foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribeira. Na actual campaña antiincendios, un total de 31 persoas foron investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.

Instalacións do parque provisional de bombeiros en Coruxo (Vigo).. CUT
Instalacións do parque provisional de bombeiros en Coruxo (Vigo).. CUT

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta