A Xunta recrimina a Carmela Silva as súas declaracións "falsas" sobre a lei do ciclo da auga

O executivo galego pide á presidenta da Deputación de Pontevedra que "rectifique".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2021 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

A Xunta acusou á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, de facer declaracións "falsas" sobre a futura lei de mellora de xestión do ciclo da auga e lle que pide que "rectifique".

Este venres, Carmela Silva dixo que considera un "escándalo" o anteproxecto de lei do ciclo integral da auga da Xunta de Galicia, xa que inclúe dous novos canons que suporá "aumentar o 180%" do recibo da auga dos fogares e "o 130%" nas empresas.

En resposta, a Consellería de Infraestruturas replicou que "o descoñecemento por parte da presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra da norma en tramitación non xustifica as falsidades manifestadas, que deben ser rectificadas".

Segundo traslada a Consellería a Europa Press, o proxecto de lei que impulsa a Xunta "non supón a creación de ningún novo tributo nin taxa aos cidadáns, nin subida dos xa existentes". "O único que fai o novo texto normativo que está en tramitación é reordenar os tributos xa existentes, cunha denominación máis acorde ao recurso que se está gravando", agrega.

En relación cos municipios, este departamento apunta que a norma concreta o gravame por perdas na rede establecido fai tres anos na lei de garantía de abastecemento. Por iso, lamenta que a Deputación "rexeite colaborar e prestar axuda aos concellos".

"A Xunta espera que a presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra rectifique a as súas declaracións, que conteñen graves falsidades, e sómese ao camiño da colaboración e o apoio aos concellos ao que está obrigada por lei", sostén o Goberno galego.

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta