Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2021 | Actualizada ás 18:43
Comisións Obreiras (CCOO) denunciou que Galicia conta na actualidade cunha única frecuencia de autobús para viaxar A Madrid, xa que a empresa concesionaria, Auto Res do grupo Avanza, non restableceu os servizos limitados durante a pandemia.
Nun comunicado, CCOO explica que este servizo chegou a contar con oito frecuencias diarias, que baixaron a cinco antes da crise sanitaria. Con motivo da caída de viaxeiros pola pandemia, o servizo pasou a ter unha única frecuencia, que se incrementou a dúas durante o verán.
Con todo, o sindicato censura que a empresa decidise volver baixar no mes de setembro a unha única frecuencia diaria, polo que pide ao grupo Avanza que restableza as viaxes na ruta que une Galicia coa Comunidade de Madrid.
Neste sentido, a central sinala que o 90% dos traballadores desta liña atópanse en ERTE e lembra que a empresa debe prestar este servizo de forma obrigatoria para cumprir coas condicións da concesión.
"Está a abandonar esta ruta", sostén o sindicato, que incide en que o grupo Avanza é "o principal" operador privado de transporte urbano público por estrada do país e acúsao de converter as cidades de Ourense, Vigo e Pontevedra "nas cidades peor comunicadas con Madrid" de España.
Por tanto, insta á compañía a rectificar e repor os servizos suprimidos, á vez que apela ás autoridades políticas e administracións a que "medien nesta desigualdade e inxusto servizo de transporte, polos estragos que esta situación pode provocar na poboación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.