Ter traballo non garante a supervivencia

Sen entrarmos en definicións estritas, pódese afirmar que o salario é a fracción do valor producido mediante o traballo nun tempo determinado que o ou a traballadora percibe da empresa. Ao ser o salario o medio de sustento material da clase traballadora, este debera permitir xa que logo a satisfacción das necesidades básicas desta. A súa “reprodución”, en termos económicos.

Por Xabier P. Igrexas | Vigo | 26/01/2014

Comparte esta noticia
Porén, tal e como acontecía xa en amplas faixas do planeta non situadas no denominado mundo occidental, a vixente crise sistémica e a súa conseguinte radicalización da loita de clases, na que o capital procura a maior explotación da forza de traballo para compensar a caída tendencial da taxa de ganancia (a diminución dos seus lucros), vén de provocar que o salario e o feito de ter un emprego mesmo a xornada completa, non sexa suficiente para garantir a subsistencia material do ou da traballadora e da súa prole. Circunstancia inda máis agravada para quen non dispoña dun posto de traballo e xa que logo dunha fonte de ingresos.
 
Mais hoxe acceder a un posto de traballo no Estado español tampouco garante superar a pobreza. Non é unha afirmación ideolóxica. Así o advertiu días atrás o Comisario Europeo de Emprego. Un dato explica graficamente esa tese. Apenas o 35% dos e das cidadás do Estado español, con idades comprendidas entre o 18-59 anos lograron superar o limiar da pobreza ao obteren un emprego. A media comunitaria é do 50%, de aí que o Estado español ocupe unha das peores posicións canda Romanía, Bulgaria ou Grecia, poñendo de relevo a hiperprecarización das condicións laborais e o brutal empobrecemento dos salarios. 
 
Aliás, a fenda salarial sigue aumentando. Face os 80.330€ que de media perciben os grandes directivos (sen contar retribucións adicionais e bonus), os e as empregadas apenas atinxen 21.307€ de promedio salarial. Ilustrativa é tamén a evolución recente de ambas as dúas cifras. Así, no último ano entrementres as retribucións dos e das empregadas retrocedían por volta dun 0,5% as da dirección aumentaban un 7% (datos estatais). Non por casual expertos sinalan que os custes laborais no Estado español son un terzo máis baratos que no resto do continente, mais esta proporción non é de aplicación no nivel de prezos e no custo da vida, nomeadamente nos produtos e subministros esenciais para a clase traballadora. O retroceso dos salarios tamén se significa no seu menor peso no PIB galego. Se en 2006 representaban o 45,4% no segundo trimestre de 2013 atinxían o 43,20% (-3,20%). En troca, as rendas empresariais pasaron do 42,9% de 2005 ao 47,1% (+4,2%) en xuño de 2013. Isto sinala que a suma dos ingresos salariais do arredor do 80% de poboación que fica asalariada en Galiza sitúase por baixo da suma dos lucros empresariais. Amais, o mantemento de elevadas taxas de desemprego (a OIT estima que aumentará en 13 millóns a nivel mundial nos vindeiros catro anos), co alargamento desa masa de man de obra (mundial, logo da globalización) de reserva, seguirá a premer para baixo as condicións laborais e salariais, para maior prexuízo da poboación asalariada.
 
Cómpre ter en conta ademais que no que levamos de crise o risco de pobreza ten aumentado en case cinco puntos porcentuais no conxunto do Estado, aproximándose ao 30% da poboación. En Galiza, das 270.000 persoas desempregadas 120.000 destas para alén de non percibir salario, por ficaren sen emprego, non son beneficiarias de ningunha prestación ou a esgotaron. Isto significa que 4 de cada 10 desempregados/as carecen de ningunha fonte de ingresos. Malia iso, as prestacións que se reciben representan a meirande parte dos ingresos no 44,4% dos fogares, datos de 2012, un 7,4% máis que no inicio da crise. Tamén no 2012 o 56,27%, preto de 6 de cada 10, dos fogares galegos tiñan dificultades ou moitas dificultades para chegar a fin de mes.
 
Mais se a cacarexada creación de emprego (difícil de acreditar no caso galego por mor da continuada destrución de medios de produción, nomeadamente no sector industrial), ao fío da presunta mais invisíbel recuperación económica, non é suficiente -como vemos- para axudar a reducir a pobreza esta acabará por cronificarse, condenando a amplas capas sociais á exclusión. Ese é o resultado máis previsíbel das políticas de recorte. Efectivamente, mesmo de se producir o reponte económico prometido, boa parte da poboación continuará empobrecida e até podería aumentar a faixa de pobreza. Unha consecuencia “necesaria” para asegurar a boa marcha do proceso de concentración e centralización da riqueza, en beneficio do grande capital, que xa logrou que o 1% da poboación máis rica atesoure a metade da riqueza mundial, e que no Estado español as 20 persoas máis ricas igualen os ingresos do 20% da poboación máis pobre.
 
Novamente o problema non é de falta de riqueza senón a súa distribución. E hoxe, calquera pode comprobar que en base ás regras deste sistema a beneficiada é sempre a minoría explotadora. Máis unha vez a disxuntiva, ou eles ou nós, que nos debe empurrar a avantar cara a construción dun outro sistema económico e social, xusto e igualitario, que poña a economía ao servizo do pobo traballador galego, facendo que o traballo permita unha vida digna para todos e todas. Un repto só superábel a través do exercicio pleno e revolucionario da soberanía nacional que España e a UE nos negan.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Pérez Igrexas Vigo (1984). Activista social e político. Comunista e nacionalista galego. Foi secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes, membro da Dirección Nacional de Galiza Nova e Secretario da Federación Veciñal de Vigo. Na actualidade, entre outros, fai parte da Dirección Comarcal da CIG en Vigo e é o Responsábel de Acción Social na Executiva Local do BNG de Vigo. Autor do blogue blogue Contradiscurso En twitter: @contradiscurso