A Xunta ve unha "barbaridade" eliminar os exames de recuperación na ESO

Román Rodríguez considera que o decreto do Goberno pode derivar nun "país de aprobado xeral".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2021 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, cualificou de "barbaridade" e "sen sentido" a eliminación dos exames de recuperación en secundaria, aprobada polo Goberno estatal. Nunha visita ao instituto IES Campo de San Alberto de Noia, Rodríguez rexeitou plenamente a iniciativa do Executivo estatal, xa que "consolida o decreto do aprobado xeral cos consecuentes efectos negativos e perversos" no sistema educativo, "tanto na perspectiva política como na técnica".

Así, o conselleiro asegurou que esta medida "desincentiva a actividade docente e o esforzo dos estudantes, co que baixa o nivel de preparación do alumnado e créase desigualdade". "Engánase así aos nenos, sen unha formación básica que vai ir na súa contra", lamentou o titular de Educación.

Neste sentido, Román Rodríguez fixo especial fincapé nos efectos académicos da proposta que "pon en risco o futuro dos mozos, porque non é o mesmo estudar que non estudar ou aprobar que non aprobar".

Desde o punto de vista técnico, o representante da Xunta advertiu do "caos organizativo" nos centros porque este curso "os alumnos están a estudar cos currículos da lei anterior e agora queren que sexan avaliados cos criterios da norma nova".

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visita as obras no IES Campo de San Alberto de Noia (Pontevedra). XUNTA DE GALICIA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visita as obras no IES Campo de San Alberto de Noia (Pontevedra). XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

CARTA Á MINISTRA DE EDUCACIÓN

Román Rodriguez afirmou ademais que o Executivo autonómico empregará "todas as ferramentas xurídicas" para defender "un dos mellores sistemas educativos de Europa". É por este motivo que o conselleiro de Educación avanzou que dirixirá unha carta á ministra de Educación, Pilar Alegría, para pedirlle que "na medida do posible, non caia nos erros da súa antecesora".

Nela, o responsable do departamento da Xunta explicará que esta medida pode trasladar "unha mensaxe moi perigosa" á sociedade e ás fururas xeracións, "que pode levar a un país de aprobado xeral onde todo dé igual". "Se se traslada isto aos nenos e adolescentes, na etapa na que maduran, as consecuencias poden ser prexudiciais para todos", asegurou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta