Os plans eólicos do Goberno na costa galega poderían afectar "seriamente" á pesca

A FEG crítica que delimite "extensas zonas" para os eólicos que coinciden con espazos de alto valor ecolóxico e riqueza pesqueira.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Novo episodio no desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia. Desta vez, a alerta está situada sobre aquelas explotacións de vento pensadas para a costa, a eólica mariña, e o foco queda posto non sobre a Xunta de Galicia --responsable dos proxectos por baixo dos 50MW--, senón sobre o Goberno Central, que está a impulsar novos plans de ordenación nos que se rexerían os usos da costa galega.

Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A
Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A | Fonte: Windplus

Estes POEM (Plans de Ordenación do Espacio Marítimo) veñen de ser duramente contestados pola Federación Ecoloxista Galega (FEG). A asociación apunta nun comunicado ao que tivo acceso Galicia Confidencial que acaba de remitir un escrito de observacións a Goberno central aproveitando unha ampliación do prazo no tocante ás alegacións contra o documento.

Dende a Federación Ecoloxista Galega recoñecen que é competencia do Estado delimitar os usos do litoral estatal, pero critican que os informes se desenvolvan sen un “estudo específico” que teña en conta “as necesidades e impactos en Galiza”. A FEG apunta así ás “ameazas” que se derivan deste plan e, en particular, no que respecta á eólica mariña, para a cal os POEM do goberno establecen “extensas” ‘zonas de uso prioritario’ e de ‘alto potencial’ para o seu desenvolvemento.

AFECIÓN ECOLÓXICA E PESQUEIRA

O problema viría dado porque estas infraestruturas afectarían a zonas “de grande valor ecolóxico” dentro da plataforma continental galega, chegando a producir danos que, de acordo coas mesmas fontes, poderían comprometer “seriamente” a actividade pesqueira da frota galega. En particular, apuntan a zonas que actúan “como áreas de reprodución de especies piscícolas” e onde existen “caladoiros importantes”.

No seu escrito, a FEG, fai notar a “falla de sustentabilidade” dos plans, que ven “lonxe” de responder ao obxectivo 14 da axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible da UE, que se enuncia “Conservar e utilizar en forma sostible os océanos, os mares e os recursos mariños para o desenvolvemento sostible”. Piden entón non considerar o océano como un “sumidoiro infinito de todo tipo de residuos, que soporta todo tipo de actuacións e que proporciona recursos de forma eterna. Ao contrario, os feitos amosan que xa non caben máis contaminantes e que os ecosistemas e os fondos están gravemente danados polo que a actividade extractiva está comprometida e ameazada pola degradación ambiental”, engaden.

PROXECTOS FÓRA DA REGULACIÓN

A estas advertencias da FEG únese o feito de que, na actualidade, habería en estado de tramitación dous proxectos de parques eólicos marítimos flotantes nas costas da provincia da Coruña, os de San Cibrao e San Brandan, proxectados con anticipación ao inicio da tramitación destes plans de ordenación e que “non respectan as áreas para enerxía eólica mariña que neles se pretende establecer”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta