“A pandemia non rematará cando a vacinación chegue ao 100%”, alertan os expertos

Juan Gestal e María José Pereira resolven as principais dúbidas sobre a inmunidade de grupo, a capacidade das vacinas e a fin da pandemia. Polo momento, adiantan, a máscara seguirá sendo imprescindible en espazos pechados.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2021 | Actualizada ás 22:13

Comparte esta noticia

Xente con máscara, xente sen máscara; aulas universitarias con protocolo telemático, terrazas ateigadas... Galicia cumpre ano e medio coa covid-19 nun dos momentos de maior incerteza do traxecto. Coa campaña de vacinación na recta final, comeza a xermolar a pregunta evidente: cando rematará a pandemia? Poderemos volver á vida normal unha vez se inocule a derradeira dose de Pzifer ou Moderna?

Mozos esperan na Cidade da Cultura o día de arranque da vacinación másiva a menores de 20 anos
Mozos esperan na Cidade da Cultura o día de arranque da vacinación másiva a menores de 20 anos | Fonte: Europa Press.

Para tentar dar resposta a esta cuestión, Galicia Confidencial contactou cos epidemiólogos Juan Gestal e María Jesús Pereira, dous dos expertos que, neste último ano e medio, estiveron en primeira liña na divulgación sobre a enfermidade. Neste artigo tentarán dar resposta ás dúbidas máis correntes destas semanas, comezando pola efectividade das vacinas; é dicir, por que segue habendo contaxios cun 80% da poboación galega inmunizada? Do mesmo xeito, tentarase botar luz sobre a famosa inmunidade de grupo --que, polo momento, segue sen se albiscar--; e, por último, resumirán as predicións da comunidade científica sobre o gran interrogante da cuestión: canto máis imos ter que convivir coa covid?

VACINAS E CONTAXIOS

A finais deste mes de xullo, máis da metade da poboación de Galicia contaba coa pauta completa de vacinación. A campaña do Sergas, porén, non puido evitar que a Comunidade se achegara ao pico histórico de casos, chegando a rexistrar case 19.000 contaxios polas mesmas datas. A situación comezou a sementar dúbidas sobre a capacidade das vacinas para atallar a enfermidade, unha suspicacia que xa arrincara cando as residencias galegas volveron informar de novos gromos entre os seus usuarios unha vez estes estaban vacinados ao 100%. “No interior das residencias e os centros de día acabou a pandemia”, chegou a dicir en xuño o presidente da Xunta.

Pero, aos poucos días, comezaron a medrar de novo as cifras de contaxios, como pasaría no resto da comunidade coa 5ª vaga. Para María José Pereira, xefa de Medicina preventiva do CHUAC, esta contradición aparente é fácil de explicar. A cuestión estaría na variante Delta, proveniente de India e que, segundo indicadores como o Covid-Bens, da Coruña, leva meses sendo maioritaria en Galicia. Pereira apunta que as vacinas protexen contra esta variante, pero máis no tocante aos cadros graves e non tanto na transmisión.

O epidemiólogo Juan Gestal (dereita)
O epidemiólogo Juan Gestal (dereita) | Fonte: Europa Press.

Isto significa que a Delta, a diferenza das outras cepas, segue contando cunha capacidade considerable para pasar dun organismo a outro mediante a infección. Polo tanto, contaxiarse si é posible. A boa noticia está en que as vacinas protexen contra os síntomas máis perigosos, eses que poderían levar un paciente á UCI ou rematar coa súa vida. Polo tanto, si son efectivas.

A chegada da variante Delta foi recibida con pavor pola súa elevada transmisibilidade; é dicir, capacidade para contaxiar. Porén, a experta do CHUS revela que, en realidade, este atributo podería reducir o potencial mortal da cepa. “Polo xeral, se un virus aumenta en transmibilidade faise menos letal, xa que no caso contrario remataría desaparecendo ao rematar cos seus hóspedes”, explica. 

E QUE PASOU COA INMUNIDADE DE GRUPO?

A comezos da pandemia, os organismos sanitarios marcaron un obxectivo para dala por concluída: vacinar o 70% da poboación. Estimábase que entón o patóxeno de Wuhan estaría baixo control, e sería posible regresar á vida normal. Porén, Galicia superou ese limiar a mediados do mes de agosto sen que trouxera cambios substanciais nas restricións. As razóns desta promesa sen cumprir está, unha vez máis, na cepa Delta.

Juan Gestal, Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública pola USC, explica que a inmunidade de grupo calculouse partindo do virus de Wuhan, a primeira cepa rexistrada. A barreira do 70%, lonxe de ser arbitraria, desenvolveuse a partir do número de reproducións dese virus, é dicir, tendo en conta a cantas persoas podía contaxiar un infectado. 

A variante Alfa, primeira coñecida, tiña unha ratio de reprodución de entre 1 e 3 persoas, cifra da que resultaba ese 70%. Pero a chegada de novas cepas obrigou a poñer a meta máis lonxe, xa que a variante británica era capaz de infectar a entre 3 e 5 persoas, e un contaxiado da Delta podía transmitilo ata a 8 individuos. Con este novo escenario, os cálculos dan un 90% de poboación vacinada para poder manter o virus baixo control, precisamente a porcentaxe que veñen empregando nos últimos días o Goberno de España e a Xunta de Galicia. 

UNHA NOVA CEPA

Alberto Núñez Feijóo asegurou, xornadas atrás, que o Sergas tería vacinada ao 100% á poboación galega para o vindeiro 19 de setembro. Porén, esta barreira tampouco supoñería a fin da pandemia, de acordo con Juan Gestal. Entón, cando rematará? Para o profesor emérito, o obxectivo dos próximos meses debe pasar por evitar que xurda unha nova cepa capaz de adiantar pola dereita as vacinas dispoñibles, xa que nese caso poderíamos ter que volver comezar de cero a campaña de inmunización.

Como xa se apuntou antes, completar o reparto de vacinas en Galicia non implicará que o virus deixe de transmitirse, senón que reducirá os casos graves. Isto acontece porque, explica Gestal, as vacinas empregadas non son esterilizantes, é dicir, que non son capaces de cortar a difusión do virus aínda en persoas coa pauta completa. Pero o auténtico perigo estaría en que unha parte da poboación mundial siga sen vacinar. 

Nese caso, apunta Gestal, multiplícanse as posibilidades de ter que o virus mute cara a unha nova variante que deixe fóra de combate as vacinas inoculadas. “Así pasou en Manaos”, recorda o profesor: “ao comezo da pandemia houbo un gran gromo que afectou ao 70% da poboación, e que logo quedou inmunizada. Pero un tempo despois a variante T1 --de Brasil-- volveu a infectalos”.

A OMS xa destacou a necesidade de achegar doses gratuítas aos países en vías de desenvolvemento para tentar afastar esta posibilidade. O profesor Gestal secunda o xuízo da Organización e insiste da necesidade de inmunizar estes territorios antes de repartir terceiras doses entre a poboación xeral dos países ricos: “xa non é só por unha cuestión de solidariedade: estamos protexéndonos a nós mesmos”, asegura. 

MÁSCARA 

Polo momento, queda claro que a máscara seguirá sendo un imprescindible para saír á rúa e, sobre todo, nos espazos pechados. Pereira vaticina incluso que, como resultado desta experiencia pandémica, a máscara quedará como hábito en moitas persoas, que farán uso dela sobre todo nos meses de outono e inverno, máis propensos ás infeccións respiratorias. Os expertos tamén valoran a posibilidade de que o virus permaneza entre nós de forma endémica, é dicir, trocando nun patóxeno semellante á gripe ou un arrefriado. Até entón só cabe esperar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta