Entre os cartos e o espírito, crónica do Xacobeo para a economía local

De paseo dende a améndoa histórica á periferia, peregrinos e xente local sinte a realidade de Santiago de xeito diferente. O Xacobeo deixa un mes de agosto que en datos de visitantes se traduce en saturación, pero esta é unha crónica de ambiente sobre os espíritos eufóricos e os cartos.

Por Alicia Casas | Compostela | 17/09/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Tras un mes de agosto no que houbo mesmo dificultades para atender a todos os peregrinos que chegaban a Compostela e darlles a compostelana o propio día, o ritmo agora comeza a baixar. As previsións, apuntan dende a Xunta, son boas, "A ver...", di un hosteleiro do casco vello para advertir despois que un bo mes non fai todo un ano. El traballa de camiño á catedral.

Festas no Barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela
Festas no Barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela | Fonte: Asociación veciñal do Barrio de San Pedro

Xa aí sentado no Obradoiro hai un rapaz que desfruta do sol. Conta que o fai a miúdo cando volta de traballar. Gústalle mirar para os pilgrims, di,  porque observa que andan todos sempre moi contentos. Sorpréndenlle especialmente as fotografías que tiran, e fanlle moito chiste aquelas nas que saltan, pero sobre todo pregúntase como quedarán despois. "Fannas a contraluz, pero parecen tan alegres".

Á unha de mediodía chegou Ignacia Fernández ao Obradoiro. Ela é chilena afincada en Portugal e fixo o Camiño da costa. Agora e non antes comézalle a doer o corpo. Confesa que cando chegou á catedral sentiu un calafrío é que os primeiros tres días foron un "inferno" porque non puido desconectar. Bom caminho dicíalle todo o mundo, ela que pensaba que non tería que falar con ninguén. 

Na praza hai un pintor que parece que fai puntillismo dende os soportais do Pazo de Raxoi. Pinta un lenzo onde hai unha catedral e un personaxe mentres olla para unha catedral na que hai centos deles.

Tamén algúns policías, un artista disfrazado, un tren turístico, un gaiteiro.

Turistas en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS
Turistas en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS | Fonte: ELISA PIÑÓN - Arquivo

Xa fóra do Obradoiro pero na contorna máis próxima á catedral,  unha propietaria di que está moi cansa. Ela leva moitos anos ao lombo e comenta que "si hai moito traballo, moito, pero os peregrinos non ghastan porque non hai". Por veces pídenlle tortilla ás cinco da tarde e contesta que a cociña está pechada. "Unhas croquetas ou unhas luras, fágochas, pero unha tortilla..."

Unha peregrina alemá con nome difícil pero inglés perfecto conta sentada nunha terraza que chegou hai dúas horas e quere comer unha paella. A última parada fíxoa en Padrón e había mercado. Di que a agobiou moito o ruído que había. Pregúntolle se compraron pementos e contesta que non. Unha rapaza tamén alemá e sentada ao seu carón suspira: "fomos comer unha pizza, eu non estaba dacordo pero preferín non pór resistencia". As dúas gostan moito do chocolate con churros, tomarán de sobremesa.

De camiño ao Mercado de Abastos vai moita calor pero hai nubes baixas. Na praza do lado as terrazas por pouco están cheas e chega un cantautor cunha guitarra. Versión do 'Te recuerdo Amanda' de Víctor Jara como extraída dunha película simpática na que un home torna en Bon Jovi debaixo e a berros da xanela dalgunha muller.

O cantautor acaba, apláudese a si mesmo. Fai xestos coas mans e di: "Marcharon todos!"

Logo diríxese ás mesas das terrazas e ao darlle cartos, fala: "Grazas, grazas, non terás algún problema auditivo?"

Seguindo o paseo chega a rúa que é entrada do Camiño Francés en Santiago. Unha muller que vende cafés e batidos ve todos os días a un home ben vestido de antigo peregrino. Capa grosa e marrón, barba e vieira. Sobe e baixa con paso pesado e semella que vén dun lugar afastado, pero non. E non é un guía disfrazado, non se sabe ben que é. Ela non baralla ningunha hipótese pero ten moitas ganas de falar con el.

Unha peregrina andaluza, Mercedes Álvarez, semella moi animada. Aínda pensando no concerto anterior pregúntolle se ten para contar algunha algunha experiencia divertida. Di que coñeceu a unha rapaza moi xeitosa que escoitaba para durmir de fondo o son do mar ou calquera outra natureza pero, mentres camiñaba, puña os cascos e a música a soar.

Na Rúa de San Pedro hai un punto concreto no que ao baixar os peregrinos ven por vez primeira a catedral. Xusto nese punto vive un rapaz que vai facer a compra. O Camiño de Santiago non ten repercusión na súa economía doméstica pero si a nivel vital. Comprende a euforia, todos os días escoita os cánticos e aplausos, non se queixa.

Si se queixa o propietario dun establecemento, que conta que moitos entran na súa tenda e non compran nada. Que ás veces entran e nin sequera saúdan e miran todo e como moito levan unha botella de auga. El, enfadado, di: "non coñezo ningún sitio polo que a xente pase así, aos berros, como se non houbera ninguén". Outra propietaria coincide e engade que os que traen os cartos son as familias. Xente que queda uns días nun apartamento e non gastou todo mentres estaba a camiñar.

Saíndo da zona a sensación de densidade turística aminora. Penso que probablemente os peregrinos non vaian moito polo barrio de Fontiñas e menos por Área Central, centro comercial prexudicado pola construción doutro centro comercial. Aí un camareiro dime que os peregrinos non se deixan ver moito pero as cousas van mellor. Aínda así, di, gastar tampouco tanto. Chancea: "a ver se vou ser eu o único que non ten cartos!"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta