Adega pide unha enerxía "máis soberana" fronte ao "oligopolio dos grandes capitais"

Demandan ás administracións que as explotacións enerxéticas de Galicia sexan en beneficio de proxectos propios para evitar facer do rural a "despensa eléctrica das cidades".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Nova chamada de atención do movemento ecoloxista contra o actual modelo de implantación de eólicos en Galicia. A Asociación para a Defensa do Medio Ambiente de Galicia (ADEGA) vén de criticar a fórmula “sustentada” pola Xunta e o Goberno Central para continuar a espallar a actual vaga de “macroproxectos eólicos” que afecta o territorio galego. 

Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva
Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva

“En ADEGA estamos convencidas de que a actual vaga de macroproxectos eólicos non é a resposta á imperante necesidade de descarbonización e transición ecolóxica”, apuntan dende a formación, para logo destacar que ambas administracións apuntalan o espallamento da enerxía eólico que “beneficia o status quo do oligopolio das grandes multinacionais da enerxía” e que “non reverte en beneficio da sociedade nin é xusta coas persoas e que non respecta a paisaxe nin o medio ambiente”.

Neste aspecto, cargan non contra a enerxía renovable en si senón contra o actual modelo de implantación, xa que afirman que se sustenta nun Plan Eólico Sectorial “desfasado” e que “non atende ás peculiaridades propias do país”. “Galiza xa acadou os obxectivos da UE para 2030 en materia de produción enerxética a través de renovábeis e xa produce tanta electricidade como a que consome, exportando anualmente arredor do 30% da electricidade producida. Porén, é un dos territorios do Estado con máis de 200 proxectos eólicos en tramitación promovidos, tanto pola Xunta como polo Estado, que en total suman arredor de 10.000 MW de potencia”, destacan. 

ENERXÍA "MÁIS SOBERANA"

Fronte a estas circunstancias --que, destacan, pon en risco boa parte do patrimonio natural, social e cultural galego--, instan ás administracións a procurar un modelo máis “soberano, social e sustentable”. Soberano no sentido de aproveitar as boas condicións orográficas de Galicia para enerxía que reverta na comunidade, xa que, como apuntan, “aínda aceptando o principio de solidariedade enerxética, defendemos que debe primar a produción para consumo interno por riba da sobreprodución para demanda externa”.

No mesmo sentido, inciden na necesidade de adoptar un modelo afastados dos “grandes capitais” e que “contribúa á economía local así como a socializar os beneficios, por exemplo, a través proxectos enerxéticos de xestión pública ou de comunidades enerxéticas locais”. Igualmente, destacan a oportunidade de conquistar un modelo renovable que sexa sustentable, “evitando poñer a produción eólica ao servizo da especulación”. “A folla de ruta enerxética debe ir cara a redución do consumo e as instalacións a pequena e media escala, liberando ao rural de se transformar nun macropolígono industrial coa escusa de ser a despensa eléctrica das cidades”, rematan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta