Mobilizacións en 20 concellos este domingo convocadas pola CIG contra a "clara submisión" ás eléctricas

"En Afganistán estaban os señores da guerra e aquí están os señores da luz", din desde a central sindical.

Por E.P. | OURENSE | 17/09/2021 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

A CIG convocou mobilizacións en 20 municipios galegos este domingo contra a "subida imparable e insoportable" do recibo da luz e a "submisión" do sector político aos intereses das eléctricas.

O secretario comarcal da organización sindical en Ourense, Anxo Pérez Carballo, expuxo que a subida "afoga" ás familias e ás empresas, especialmente do sector servizos que "ten unha gran importancia no tecido comercial da provincia".

"Traballos como a hostalaría, a panadaría ou o pequeno comercio é a supervivencia de moitas familias que coincide sempre nas horas máis caras do custo da luz, o que repercute na súa conta de resultados", advertiu.

Así trasladou que o sindicato avoga porque Galicia teña unha normativa propia que "permita o abaratamento do recibo da luz". Para iso piden varias medidas: o recoñecemento da enerxía como un dereito fundamental, que haxa políticas públicas de intervención, a reversión ao sector público das centrais hidroeléctricas nas que finalice a súa concesión ou a creación dunha empresa pública galega son algunhas delas.

Neste sentido, pediu que "se deixe de falar do problema en bares e sálgase o domingo á rúa", facendo fincapé en que é a primeira mobilización que se realiza en Galicia por este tema e que será "en 20 cidades simultaneamente".

Na provincia de Ourense, serán na capital ás 11.30 horas na Praza do Ferro e en Verín ás 12.00 horas na Praza do Concello. "En Afganistán estaban os señores da guerra e aquí están os señores da luz. Estes señores que desde o Goberno defenden as hidroeléctricas e cando saen teñen onde seguir gañando soldos millonarios, mentres as familias e as empresas pagan recibos que non dan soportado", criticou o secretario comarcal da organización sindical en Ourense.

RIBEIRA SACRA

Ademais, desde a CIG censuraron a "submisión ás hidroeléctricas e aos intereses do Estado" e denuncian que a contorna da Ribeira Sacra, que acaba de ser recoñecida como Reserva da Biosfera pola Unesco, hai proxectado un complexo eólico que, subliñan, "está dividido de forma tramposa".

"Dividírono en cinco parques de 50 MW cada un porque así todos os trámites son moitísimo máis sinxelos e moito máis fácil que se aproben dependendo exclusivamente da Xunta de Galicia", recriminan.

"Os amigos do PP teñen a vía libre para rodear a Ribeira Sacra de grandes aspas de vento movéndose e de toda unha infraestrutura que arrastra a facer pistas de acceso de carga e descarga de materiais", criticaron.

Unha central eléctrica, a 21 de agosto de 2021, en Madrid (España). Jesús Hellín - Europa Press
Unha central eléctrica, a 21 de agosto de 2021, en Madrid (España). Jesús Hellín - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta